Sobre dereitos e orzamentos, artigo sobre as contas da Xunta para 2014
"Non vale de nada lamentarse. Exemplos temos de que a implicación de todas e todos pode cambiar as cousas. Fagámolo!"
Betanzos, 6 de novembro de 2013. Estes días está a chegar a todas as casas do noso municipio un novo número do xornal 'Betanzos e a súa comarca'. Nas súas páxinas aparece un artigo de opinión no que o portavoz municipal do BNG, Henrique del Río, analiza a relación entre os orzamentos da Xunta e dereitos sociais que cada día están máis en entredito. Polo seu interese, reproducímolo a seguir de xeito íntegro.
Sobre dereitos e orzamentos
Políticos- no peor sentido da palabra- cortos de miras planifican e venden como necesarias obras nas que se malgastan cantidades indecentes de cartos públicos queréndonos facer crer que son necesarias. Casos na comarca temos demasiados, abondo sen saír de Betanzos. Obras que non funcionan e que non se usan para nada, edificios baleiros feitos cos cartos dos nosos impostos e despois enfrontámonos a recortes en sanidade (este ano a impresionante cantidade de 62 euros para modernizar o ambulatorio de Betanzos) mentres que para pagar medicamentos ou atender aos inmigrantes evidentemente non hai cartos.
Obras que non funcionan e que non se usan para nada, edificios baleiros feitos cos cartos dos nosos impostos mentres que para pagar medicamentos ou atender aos inmigrantes evidentemente non hai cartos
Todo isto ven a conta dos orzamentos da Xunta para 2014 que se acaban de publicar. Que menos que felicitar a todas e todos os que nos mobilizamos- comunidade escolar, veciñanza- para conseguir que o que é un dereito pareza, por fin, ter visos de realidade. Non é admisíbel nunha democracia usar un dereito- como o dereito ao ensino- para vender un favor. O PP non ten compromiso ningún alén do que lle corresponde ter coa nosa cidade porque en definitiva os cartos que pagarán o novo colexio son cartos públicos, saídos dos petos de todas e todos nós cos nosos impostos.
Moitas veces nin sequera cubren as nosas necesidades con eses cartos e obrígannos a mobilizarnos para conseguir o que en xustiza xa nos corresponde. Temos moito que aprender deste exemplo porque movéndonos e implicándonos, é evidente que podemos cambiar as cousas.
Como contrapunto, estes orzamentos tamén traen para a nosa cidade o exemplo contrario. Un Casco Histórico que ven sendo o valor máis importante con que contamos e que ten que ser a nosa principal oportunidade económica- como demostran casos como Allariz ou Pontevedra- caendo a cachos. Os orzamentos da Xunta prevén un grandísimo investimento de 48 699 euros para rehabilitar as dez casas que ían ser o exemplo e locomotora da súa recuperación.
Non vale de nada lamentarse. Exemplos temos de que a implicación de todas e todos pode cambiar as cousas. Fagámolo!