O BNG recrimina ao PSOE que non haxa actuacións detrás dos seus anuncios sobre Mandeo 50
O mesmo tipo de respostas que criticaban ao PP cando estaban na oposición agora dánnolas a nós desde o goberno, recrimina Del Río.
Betanzos, 3 de abril de 2012. O BNG levou ao pleno do pasado mes de febreiro unha iniciativa para que o goberno do PSOE aclarase os pasos dados ate a data para axustar á legalidade urbanística o edificio do Mandeo 50. O goberno local, na súa resposta, non di nada que non dixera meses antes na prensa, denuncia o portavoz municipal do BNG, Henrique del Río.
Non dicimos que non sexa complexo axustar á legalidade o edificio, pero semella que a preocupación do goberno do PSOE, máis que solucionalo, é simular que fai algo, censuran os nacionalistas. O BNG denuncia que o executivo do PSOE non fixo máis movementos neste tema que unha chamada á entidade bancaria propietaria antes de que se fusionase con outra, xa hai meses. Os nacionalistas acusan ao PSOE de estar creando unhas expectativas nos propietarios e veciños que poden quedar en nada.
Por outra banda, desde o BNG critican a falta de transparencia do goberno local á hora de responder ás preguntas que a oposición formula nos plenos. O mesmo tipo de respostas que criticaban ao PP cando estaban na oposición agora dánnolas a nós desde o goberno, recrimina Del Río.
Os nacionalistas, porén, manifestan que están de acordo en que é necesario solucionar a situación do inmoble sempre que se cumpra a legalidade urbanística. De feito, recordan que foi o BNG quen ditou a primeira orde de paralización das obras cando se constatou que non se axustaban á licenza, pouco antes de saír do goberno local. Os nacionalistas entenden que o lugar onde se ubica o edificio, nas proximidades do río Mandeo, exixe un respecto escrupuloso ao entorno.