O BNG exixe ao PSOE informacion real sobre a legalizacion do Mandeo 50
Os nacionalistas manifestan que é necesario solucionar a situación do inmoble sempre cumprindo a legalidade urbanística.
Betanzos, 7 de marzo de 2012. O BNG reclamou ao goberno local do PSOE que informe a veciños e compradores de en que situación se atopa realmente o edificio que ocupa o 50 da rúa do Mandeo. A situación na que se atopa esta construción afecta tanto aos veciños da zona como ás persoas que mercaron unha vivenda, advertiron os nacionalistas para reclamar ao goberno que aclare cal é a situación actual do inmoble e que pasos deu despois de ver na prensa e na web municipal un comunicado sobre a legalización do edificio.
O portavoz municipal do BNG, Henrique del Río, incidiu no feito de que xa son varios os comunicados emitidos polo goberno do PSOE sobre este tema pero ningún aporta información real aos afectados, sexan veciños da zona ou persoas que compraron unha vivenda nel. Por este motivo, o BNG esixe ao PSOE que dea información real aos veciños e compradores xa que con tanto anuncio de que se van a poñer a traballar no tema pode estar creando unhas expectativas nos propietarios e veciños que poden quedar en nada.
Os nacionalistas, porén, manifestan que están de acordo en que é necesario solucionar a situación do inmoble sempre que se cumpra a legalidade urbanística. De feito, recordan que foi o BNG quen ditou a primeira orde de paralización das obras cando se constatou que non se axustaban á licenza, pouco antes de saír do goberno local. Os nacionalistas entenden que o lugar onde se ubica o edificio, nas proximidades do río Mandeo, exixe un respecto escrupuloso ao entorno.