O BNG advirte da suba da auga que quere levar adiante o goberno do PSOE
O incremento na factura afectaría ao 27,78 % dos usuarios domésticos (unhas 2978 familias) e ao 61,14% dos usuarios industriais (unhas 199 empresas). O BNG insiste en que unha matrícula segundo o nivel de renda é o máis xusto para o Conservatorio.
Betanzos, 22 de novembro de 2012. O BNG ofreceu esta mañá a súa valoración da suba das taxas municipais que quere levar adiante o goberno local do PSOE. É sintomático que o goberno local do PSOE se presente a negociar cos outros grupos as subas de impostos sen unha proposta, explicou o voceiro nacionalista, Henrique del Río, que asegurou que no BNG temos moi claro quen debe pagar o custo da crise, mesmo a nivel municipal. O PP recurta o financiamento dos concellos, impide que se endebeden para facer investimentos e prioriza pagar aos bancos, pero polo menos é coherente, o PSOE non e desde logo o BNG non comparte determinadas políticas e por iso aportamos propostas alternativas, explicou.
Del Río, que compareceu acompañado pola concelleira María Otero, advertiu que a maiores da suba do IVE da auga até o 10% cando é un ben de primeira necesidade, o goberno local do PSOE propón subir as taxas da auga. O BNG advertiu do desequilibrio que hai entre o que se lle desconta aos consumos máis baixos de auga (2,61) e o que se cobra aos que máis auga consumen (até 262,68 ). Isto tradúcese en que o PSOE pretende levar adiante unha suba ao 27,78 % dos chamados usuarios domésticos- domicilios e negocios que non teñen a auga como materia prima-, o que supón 2078 familias. A suba comeza a partir dun consumo de 18 metros cúbidos por bimestre, que é a partir de onde se sitúa a grande maioría, explicou. Polo tanto, estase premiando con esta taxa a existencia de vivendas baleiras ou ocupadas por unha soa persoa, indicou o voceiro do BNG. Unha vivenda cun consumo medio duns 30 metros cúbicos pagará 3,48 máis, exemplificou.
O Concello pode saber o número de habitantes por vivenda e facer unha tributación máis xusta en función dos datos que ten, apuntou o voceiro nacionalista. Con esta aplicación acrítica da lei de augas do PP non se penaliza ao que estrague auga a caldeiros, senon a unha vivenda na que viven varias persoas, advertiu Del Río, que lembrou que calquera entende, ademais, que unha persoa dependente ou unha crianza disparan igualmente o consumo de auga dun domicilio e non é un caso de despilfarrar auga.
Nos usos industriais- que inclúen os consumos de negocios que teñen a auga por materia prima (hostalaría, perrucarías, talleres, lavandarías...)- a suba alcanza ao 61,14% dos usuarios, o que serían uns 199 negocios. As subas empezan nun consumo de 17 metros cúbicos, cando son moi poucos os establecementos con este abono que non sobrepasan este consumo, advertiu. A modo de exemplo, un bar que gaste 67 metros cúbicos pasará de pagar 157 a pagar 189, unha suba do 20,82%, indicou, para denunciar que estas son as verdadeiras medidas do PSOE para dinamizar a economía local, e logo organiza a Semana do Pincho para lavar a conciencia.
Non nos parece xusto cargar as tintas nas PEMES e autónomos logo de que o goberno do PP xa lles subira o IVE e o IRPF, advertiu. A concesionaria queda encantada, o PSOE e o PP demostran que fan as mesmas políticas e ao final pagamos os cidadáns de a pé, resumiu o voceiro do BNG.
O PSOE, sen proposta para paliar o déficit da lancha municipal
Segundo o goberno local a lancha xenerou este ano un déficit de 7971,45 euros, explicou Del Río, que cuestionou que, coma noutros asuntos, o goberno local do PSOE non ten claro que quere facer a este respecto, mentres recurta os investimentos ou pecha o centro de formación ocupacional.
Isto é insostíbel, advertiu Henrique del Río, que recordou que o BNG xa propuxo sacar a poxa a lancha os días dos Caneiros para que xenere ingresos. O BNG recordou tamén que a lancha adquiriuse para dinamización turística e programas de educación ambiental e está a usarse exclusivamente como comedor flotante e para que o alcalde vaia aos Caneiros o día da romaría.
As contas da lancha demostran que a austeridade pregoada polo PSOE e o PP de deixar a lancha amarrada o día dos Caneiros é unha falsidade, asegurou, e insistiu na necesidade de empregar a embarcación municipal para os programas de dinamización turística e de educación ambiental para os que foi adquirida. Así si que pasaría a ser o servizo público que agora non está a ser, aseguraron os edís do BNG.
O BNG propón unha matrícula segundo escalóns de renda no Conservatorio
O BNG insistiu na súa proposta de facer unha matrícula progresiva por escalóns de renda para o Conservatorio municipal, con descontos para familias desempregadas e de colectivos en risco de exclusión social. Os nacionalistas lembran que o Valedor do Pobo ordenou rematar coa discriminación tarifaria para veciños de Betanzos ou doutros municipios e cuestionou que aquí tampouco o PSOE ten unha proposta, senón que deriva a responsabilidade de tomar unha decisión á oposición.
A irresponsabilidade do goberno local chega ao punto de propór tres solucións desde o seu punto de vista: cobrar só a taxa para empadroados, cobrar só a de non empadroados ou cobrar a media aritmética entre as dúas, explicou o voceiro nacionalista. Fronte a isto, lembrou, o BNG xa propuxo mancomunar este servizo de forma que todos os concellos da comarca colaboren no seu mantemento evitando así que os veciños e veciñas de Betanzos sosteñan en solitario un servizo que se empresta a toda a comarca. Pero o alcalde nin está nin se lle espera, espetou o voceiro nacionalista.
O importante non é onde reside o alumnado, senón que calquera persoa poida cursar estudos no conservatorio con independencia da renda, explicaron os edís nacionalistas. Isto é o progresista e non o que propón o PSOE, sentenciaron, lembrando que é o sistema de taxa vixente na escola infantil municipal desde hai anos.