O BNG advirte da perigosa situación da Porta do Hórreo
A Porta do Hórreo leva no actual estado case un mes sen que o goberno local adoptase medidas ao respecto, o que amosa a falta de interese do PSOE polo Casco Histórico. O BNG quere saber en que situación se atopan as casas que a Xunta mercara hai un ano no Casco Histórico.
Betanzos, 8 de maio de 2012. O BNG levou a Pleno o deterioro da muralla na Porta do Hórreo, que comunica o treito final da rúa Nova co Valdoncel. Segundo advertiu o portavoz municipal do BNG, Henrique del Río, aparentemente un choque á altura da rúa ten provocado que o muro se saia da súa posición orixinal arrastrando todas as canterías, grampadas unhas a outras con ferro.
Segundo o voceiro do BNG, todo o conxunto ameaza con precipitarse ao Valdoncel e producir algún tipo de desgraza, polo que requiriu ao goberno do PSOE prazos e medidas concretas para evitar incidentes na zona. Por que non está a zona asegurada para evitar incidentes?, interpelou Del Río.
Desde o BNG agardan que o executivo do PSOE dea cumprida resposta á iniciativa nacionalista, xa que aseguran que o mesmo tipo de respostas que o PSOE criticaba ao PP cando estaban na oposición agora dánnolas a nós desde o goberno. Segundo os nacionalistas, as respostas que o PSOE dá ás iniciativas de control do BNG adoecen de falta de transparencia e non pasan dun si ou non e obviedades, sen dar contestación ao que se pregunta.
O BNG asegura que a Porta do Hórreo leva no actual estado case un mes e que a iniciativa foi presentada no Pleno hai quince días, sen que o goberno local adoptase medidas ao respecto. Asegurar a zona exixiría un investimento moi modesto indica Henrique del Río, que ve na falta de actividade do goberno local a mostra da falta de interese do PSOE polo Casco Histórico.
O BNG quere coñecer en que situación se atopan as casas que a Xunta mercou en Betanzos
Despois de que o goberno local contestara a unha pregunta do BNG que o Concello non ten obriga de realizar proxecto ningún para rehabilitar as casas que a Xunta comprou no Casco Histórico e de que o PP votara en contra dunha emenda do BNG aos orzamentos da Xunta para dispoñer fondos para este tema, o BNG quere saber se se está levando a cabo algunha actuación para evitar o derrubo das casas que a Xunta mercara hai un ano, na campaña das municipais.
O BNG acusou a PSOE e PP de evadir as súas respectivas responsabilidades na situación que atravesa o centro histórico de Betanzos. O PP e o PSOE demostran diariamente que non teñen ningún tipo de interese na posta en valor do Casco Histórico, mais alá de grandes anuncios electoralistas e da aprobación de diferentes plans que nunca se executan, declarou Del Río.