O BNG acusou ao PSOE de facer un uso partidista dos medios de comunicación do concello
O goberno do PSOE volve outra vez ás prácticas dos tempos en que o PSOE tiña maioría absoluta, poñendo ao servizo do seu grupo político unha administración e uns medios que teñen que estar ao servizo de todos os veciños e non da propaganda do goberno.
Betanzos, 4 de maio de 2012. O BNG acusou no Pleno ao goberno do PSOE de facer un uso partidista dos medios municipais. Neste sentido, o portavoz municipal do BNG, Henrique del Río, fixo alusión a unha nota sobre emendas do PSOE aos orzamentos do Estado, dado que na web municipal o pasado 17 de abril publicábase unha nova segundo a cal o goberno local presentaría no Senado emendas aos orzamentos do Estado. Que representación ten o goberno local no Senado?, preguntou o edil nacionalista para denunciar que en realidade o anuncio é dunhas emendas do PSOE e que o sitio de facer tal anuncio é a web do PSOE e non a do Concello de Betanzos.
Unha situación parecida deuse tamén no perfil oficial da Oficina Municipal de Información Xuvenil na rede social twitter. O pasado 28 de marzo no perfil oficial da OMIX apareceu publicado un enlace a un acto da UGT indicou Del Río, que explicou que o día antes, ocorreu o mesmo con dous enlaces das Xuventudes Socialistas e mentres tanto non se publicou cousa algunha de outros sindicatos ou agrupacións políticas e uns días despois cambiouse o nome de dito perfil.
Por ambos motivos, e tirando de ironía, o portavoz municipal do BNG preguntou ao goberno do PSOE A quen hai que enviarlle as notas para que aparezan publicadas no perfil da OMIX e na web do Concello?.
Non é a primeira vez que o BNG denuncia o uso partidista por parte do PSOE dos medios de comunicación municipais. O pasado mes de decembro o BNG denunciou que o goberno local publicou na web municipal novas relativas ás mocións do PSOE, que non son cousas do Concello, senón dun partido.
O BNG denuncia que con este proceder, o goberno do PSOE volve outra vez ás prácticas dos tempos en que o PSOE tiña maioría absoluta, advirte Del Río, que acusa ao goberno local de poñer ao servizo do seu grupo político unha administración e uns medios que teñen que estar ao servizo de todos os veciños e non da propaganda do goberno.