O BNG acusou ao goberno local dunha xestión irresponsábel dos cartos públicos

O BNG acusou ao goberno local dunha xestión irresponsábel dos cartos públicos

“O PSOE criticou a forma en que gastaba o PP, sen contrato, sen fondos no orzamento e resulta que están facendo exactamente o mesmo”

 

Betanzos, 4 de xuño de 2013. O BNG acusou ao goberno local do PSOE dunha xestión irresponsábel no que ten a ver co gasto corrente. “ Un exemplo claro é o tema das facturas sen contrato que as ampare en mantemento de parques e xardíns”, explicaron os nacionalistas, “ o goberno local do PSOE gastou 24 578,49 € en diversos traballos de xardinería no primeiro trimestre do ano sen ningún contrato”.

“Pretenden levar a xestión económica do Concello en base a recoñecementos extraxudiciais de crédito”, explicou o voceiro do BNG, Henrique del Río, “xa é o terceiro recoñecemento extraxudicial que levan ao Pleno no que vai de ano”.

O BNG recorda que o orzamento aprobado por PSOE e CxB o pasado verán, “só había 2000 euros de investimento para parques e xardíns e 3500 para gasto corrente”. “Isto quere dicir, que o gasto en mantemento de xardíns non está contemplado no orzamento por ningún lado”, denuncian os nacionalistas. “En lugar de recortar o gasto, en traballos que perfectamente poderían facer os traballadores municipais, seguen gastando mais do orzamentado e despois pretenden que aprobemos estes recoñecementos”.

“O PSOE criticou a forma en que gastaba o PP, sen contrato, sen fondos no orzamento e resulta que están facendo exactamente o mesmo”, denuncian desde o BNG. “É de todo impresentábel que se dediquen a cruzarse acusacións de quen o fixo peor na xestión económica”, explicou Del Río, “ a voceira do PP ten unha causa aberta no Tribunal Superior de Xustiza de Galiza xusto pola súa forma de gastar os cartos públicos. Parécenos terríbel que o PSOE se compare coa súa forma de gobernar”, criticou.

“Se o PSOE está decidido a privatizar a área de xardíns e medio ambiente, que sexan valentes, saquen un concurso público coa totalidade dos traballos e asuman as consecuencias”, reta o voceiro do BNG. “A quen se pretende beneficiar fraccionando os contratos para evitar que todas empresas e autónomos poidan presentarse en igualdade a un concurso público?”, pregunta.

Os nacionalistas anunciaron que non van apoiar a aprobación de ningún recoñecemento extraxudicial de crédito “para pagar gastos que non teñen contrato nin amparo orzamentario ningún”, explicou Del Río, “non nos parece de recibo que as empresas que fixeron un traballo para a administración non o cobren e menos no momento económico en que estamos pero tampouco nos imos facer responsábeis desta forma de ‘derrochar’ os cartos públicos”, concluíu.

O BNG acusou ao goberno local dunha xestión irresponsábel dos cartos públicos