O BNG acusa ao goberno local de falta de transparencia por negarlle o acceso á documentación
Solicitamos copia de diversa documentación e as respostas veñen sendo a opinión do alcalde sobre os mesmos.
Betanzos, 19 de xuño de 2012. O BNG exixiralle no Pleno ao alcalde que lle dea acceso á documentación necesaria para exercer o seu traballo de control ao goberno. Solicitamos copia de diversa documentación e as respostas veñen sendo a opinión do alcalde sobre os mesmos, indica o voceiro nacionalista, Henrique del Río, que se pregunta se o goberno do PSOE de ter algo que ocultar á vista desta actitude.
Un destes casos sería a solicitude de copias dos contratos das empresas que efectuaron traballos de xardinaría e mantemento de espazos públicos para o Concello. A resposta do alcalde, no canto de achegar copia dos contratos ou autorizar o acceso aos mesmos, foi en canto aos contratos de xardinería, obras e mantemento son encargos menores cumprindo coa lei de contratos das Administracións Públicas. Desde o BNG non queriamos dubidar en ningún momento que fosen de acordo coa lexislación, pero queremos nós mesmos ter acceso á documentación e non nos fai falla a opinión do alcalde, ironiza o voceiro nacionalista.
"O mesmo tipo de respostas que criticaban ao PP cando estaba na oposición agora dánolas o PSOE desde o goberno"
Outro caso similar deuse cando o BNG solicitou copia do proxecto de rehabilitación do lavadoiro das Cascas, anunciado publicamente polo goberno local do PSOE. A resposta do goberno local, que non achega a documentación solicitada, di comunícolle que o que se fixo foi unha memoria-proxecto de restauración do lavadoiro (...) para arranxar o máis urxente. (...) Se nos conceden a subvención, veríamos a forma de acometer esta inversión por contratación externa ou se o permite a axuda, mediante a contratación de persoal polo propio Concello. Novamente non nos dan acceso á documentación solicitada, neste caso supoñemos que será porque non existe, apuntan os nacionalistas.
Para o BNG, o goberno local do PSOE amosa un pouso autoritario ao negar información aos veciños. Esta falta de transparencia no que ten a ver cos cartos públicos parécenos máis propia de outros tempos, indica Del Río, que lle recorda a Ramón García que el criticaba o mesmo cando gobernaba o PP.
As respostas nos Plenos, outra mostra de opacidade
Na mesma liña, censuran a falta de transparencia do executivo do PSOE á hora de responder ás preguntas que a oposición formula nos plenos. O mesmo tipo de respostas que criticaban ao PP cando estaban na oposición agora dánnolas a nós desde o goberno, recrimina Del Río, que asegura que con esta actitude calcada da dereita o goberno local dificulta a función de control do goberno que ten que exercer a oposición.