O BNG-AA volve propór a creación dun área de estacionamento para autocaravanas
Con este tipo de iniciativas estariamos ampliando a oferta de infraestruturas turísticas da nosa cidade, atendendo mellor á diversidade que hai no goce do lecer dentro da sociedade.
Betanzos, 9 de setembro de 2015. O BNG-Asembleas Abertas volveu insistir na necesidade de habilitar un área de estacionamento para autocaravanas. Polo que nos explicaron persoas que practican esta modalidade de turismo, por Betanzos pasa unha ruta de autocaravanas asegurou o voceiro nacionalista, Henrique del Río. Polo de agora o noso municipio está renunciando a tirar proveito deste feito, asegurou.
O investimento para habilitar un área de estacionamento deste tipo é mínimo, apenas uns puntos de enganche de luz, unhas tomas de auga, unhas saídas á rede de saneamento, uns colectores de lixo e a correspondente sinalización, proseguiu.
Unha cidade como a nosa, que pretende facer do turismo unha actividade económica, non pode seguir dando as costas a unha modalidade como o autocaravanismo, que cada día ten máis usuarias, explica Del Río. Xa presentamos varias veces, nas últimas lexislaturas, esta proposta e por motivos que aínda descoñecemos nin o goberno do PP nin o actual do PSOE a levaron adiante a pesar de apoiala, explica o voceiro do BNG-Asembleas Abertas.
Segundo as nacionalistas, con este tipo de iniciativas estariamos ampliando a oferta de infraestruturas turísticas da nosa cidade, atendendo mellor á diversidade que hai no goce do lecer dentro da sociedade. E ademais, indirectamente, a sinalización desta área de estacionamento nas guías de autocaravanismo daría indirectamente publicidade ao concello, explica.
Só co que se gastaba en ir a Madrid a FITUR podería facerse este investimento que redunda en mellores servizos e un incremento da actividade económica, concluíu.