O BNG-AA pide que o Alfonsetti abra cunha programación estábel deseñada por entidades e veciñanza
A falta de uso está acelerando o deterioro dunha sala na que se investiu unha cantidade enorme de cartos públicos e que quedou sen equipamento audiovisual
Betanzos, 5 de setembro de 2015. O BNG-Asembleas Abertas demandou no Pleno unha programación estábel para o teatro Alfonsetti, que leva sen uso desde que se rehabilitou. No mes de xaneiro do ano pasado presentamos unha moción para abrir e dinamizar o Cine Alfonsetti e acordar unha programación no Consello municipal de cultura recorda o voceiro nacionalista, Henrique del Río, mais nada se fixo.
As nacionalistas propoñen que asociacións e colectivos deseñen a programación do Cine Alfonsetti, actualmente sen uso, a través do Consello Municipal de Cultura. Defenden tamén que Concello conte cun buzón de suxestións para recoller as propostas que veciñanza e colectivos teñan para dotar de contido unha sala baleira.
Sobran os dedos das mans para contar os actos celebrados no Cine desde que acabaron as obras da súa rehabilitación, indican as nacionalistas. Despois de investir unha cantidade enorme de cartos públicos na recuperación do Cine Alfonsetti, resulta que non ten o equipamento audiovisual necesario para que conte cunha programación estábel, indica o voceiro nacionalista, Henrique del Río.
O Concello pagou 18 000 euros polo equipo de son que tiña a sala antes da rehabilitación, que non foi reutilizado
Desde o BNG censuran que o goberno do PSOE manteña pechados e sen uso edificios pagados pola veciñanza. Por isto defenden que o Concello publique na web e no taboleiro municipais o calendario de eventos que acolle o Alfonsetti, a fin de que se poida ceder o seu uso a outros colectivos cando estea baleiro. Desta forma estaríase garantindo que xa que o enorme investimento de cartos públicos xa está feito, polo menos daráselle ao Cine un uso que xustifique semellante gasto.
Deterioro por falta de uso
Desde o BNG-Asembleas Abertas chaman a atención sobre o deterioro que está padecendo o Alfonsetti debido á falta de uso. A humidade estase cebando coas paredes, tirando recebos e comendo ferraxes advirten. Se cadra, abrindo as portas e facendo movemento no cine, prendendo de vez en cando os equipos estes danos se atenuaban sosteñen.
Caixa de recursos para dotalo dos medios necesarios
As nacionalistas defenden igualmente que, para que o cine conte coas prestacións necesarias para acoller unha programación multidisciplinar de maneira estábel, debería destinarse parte dos fondos do plan da Deputación para a adquisición de unha caixa de recursos que poidan ser usados nesta e outras salas baleiras que ten o Concello.
Con estes medios audiovisuais estaríase garantindo unha programación máis ambiciosa no propio Cine e mais nos distintos locais sociais dos barrios e parroquias explica Henrique del Río. Con isto estaranse dinamizando os locais sociais que a veciñanza pagou e mantén e achegando determinadas propostas culturais ao maior número posíbel de veciñas e veciños, engade.
Do mesmo xeito, recordan que dentro da indemnización que se lle pagou aos Pita, na parte que o PSOE daba por boa, ían 18 000 euros polo equipo de son que xa estaba no Cine, indica Del Río. Alguén do PSOE terá que aclarar onde vai ese equipamento e por que, se non valía para poñer no Cine novamente, decidiron pagar 18 000 euros por el, conclúe.