O BNG-AA propón rebaixar o IPC ás taxas de traída, saneamento e actividades deportivas
As nacionalistas propoñen un desconto no imposto de rodaxe aos vehículos non contaminantes. Se outros anos houbo que subir o IPC, este ano que é negativo o lóxico e o xusto é rebaixalo
Betanzos, 21 de outubro de 2015. O BNG-Asembleas Abertas propuxo rebaixar o IPC ás tarifas que a empresa concesionaria cobra polo saneamento e o abastecemento de auga. Se outros anos houbo que subir o IPC, este ano que é negativo o lóxico e o xusto é rebaixalo, explican.
As nacionalistas indican que tanto o contrato de ambos servizos como a lexislación contemplan aplicar o IPC se o Pleno así o acorda. O xusto é que se se aplica cando beneficia á concesionaria, se aplique este ano tamén que favorece á veciñanza cunha leve baixada da tarifa, sosteñen.
Se outros anos houbo que subir o IPC, este ano que é negativo o lóxico e o xusto é rebaixalo
O voceiro das nacionalistas, Henrique del Río, explica que contemplan esta medida como un paso transitorio. Seguimos a defender que o Concello interveña o servizo e o recupere mediante a xestión directa. Mentres isto acontece, o lóxico é que se controle o cumprimento estrito do contrato e se garanta que beneficia á veciñanza, sosteñen.
Descontar as tarifas da piscina o tempo que peche
Desde o BNG-Asembleas Abertas explican que esta rebaixa do IPC debe aplicarse tamén ás tarifas do complexo deportivo municipal, pola mesma razón. Ademais, propoñen introducir unha cláusula na táboa de tarifas da piscina municipal para evitar que as persoas usuarias paguen durante o tempo que pecha.
Esta demanda, trasladada por un importante número de usuarias do complexo deportivo municipal, xa foi presentada polas nacionalistas varias veces ao Pleno. O goberno municipal do PSOE non fixo nada por atendela a pesar de que votou favorablemente as mocións que presentamos neste sentido, explica Del Río. Introducir o desconto por estes períodos de peche no cadro de tarifas parece a forma máis áxil de asegurar os dereitos da veciñanza neste tema, engade.
Bonificación para vehículos non contaminantes
As nacionalistas propuxeron, ademais, que no imposto de rodaxe se introduza un desconto para os vehículos que empreguen tecnoloxías non contaminantes.