O BNG-AA pide ao goberno local explicacións pola privatización do servizo de limpeza
Está a piques de comezar o curso escolar e non hai aínda solución para un problema que provocou o propio PSOE ao despedir ás persoas que estaban traballando na limpeza do aulario.
Betanzos, 4 de setembro de 2015. O BNG-Asembleas Abertas denunciou no Pleno que o goberno local contratou unha empresa privada en lugar de cubrir as baixas do servizo de limpeza. Cal é o motivo de que o PSOE vote a favor dunha moción que despois incumpre desde o goberno? preguntou o voceiro nacionalista, Henrique del Río.
As nacionalistas recordan que no Pleno do mes pasado presentamos unha moción conxunta con Betanzos Novo e CXG para garantir que se cubran as baixas do servizo de limpeza que foi aprobada por unanimidade. Porén, advirten de que polo que sabemos, as baixas do servizo non se cubriron senon que o goberno local contratou unha empresa privada para realizar estas funcións.
Desde o BNG-Asembleas Abertas insisten en que é posíbel contratar persoal para cubrir estas baixas, mais o goberno local decide privatizar o servizo. Reclaman, polo tanto, que o goberno local do PSOE explique por que opta pola empresa privada en lugar de cubrir as baixas do persoal público.
Está a piques de comezar o curso escolar e non hai aínda solución para o servizo de limpeza dos colexios, advertiu o edil nacionalista. Polo que sabemos o goberno local non fixo nada por solucionar un problema que provocou o propio PSOE ao despedir ás persoas que estaban traballando na limpeza do aulario, asegura Del Río.
Cemiterio e servizo de xardinería tamén están privatizados
As nacionalistas advirten que a limpeza non é o único servizo municipal privatizado polo goberno do PSOE. Así, recordan que tanto o cemiterio municipal coma o servizo de xardinería están en mans de empresas privadas.
O PSOE privatizou estes servizos de forma irregular, evitando o concurso público para entregar as contratas a dedo a quen lle petou, advirte Del Río. E non é que o diga o BNG-Asembleas Abertas, é que o di a Intervención municipal en múltiples reparos advertindo das contratacións irregulares que fai o goberno local, conclúe.