O BNG-AA demanda no Pleno que o Concello faga controis das emisións da fábrica de Talai
As nacionalistas pediron ao goberno municipal que aclare se están tramitándose autorizacións para máis fábricas no antigo aserradoiro de Talai.
Betanzos, 3 de setembro de 2015. O BNG-Asembleas Abertas volveu insistir no Pleno na necesidade de que o goberno local obrigue a axustar ruídos e emisións á normativa á factoría ubicada no núcleo de Talai. O goberno galego respondeunos no Prlamento que garantir o cumprimento do ditame de incidencia ambiental corresponde ao Concello, explicou o voceiro nacionalista, Henrique del Río.
A Xunta, ademais, responsabiliza ao Concello do control da adopción e suficiencia das medidas correctoras para evitar a emisión de po e outras partículas. A veciñanza de Talai trasládanos que a fabrica cando está en funcionamento segue a producir ruído e pó de forma excesiva, explicou o edil do BNG-Asembleas Abertas.
Por este motivo, as nacionalistas reclamaron ao goberno local que exixa o cumprimento das condicións da licenza á fábrica, para garantir o descanso e a saúde da veciñanza de Talai. Neste sentido, demandaron ao executivo do PSOE que explique cantas inspeccións realizou o Concello desta fábrica para garantir que cumpre o ditame de incidencia ambiental e que resultados obtivo.
Ademais, desde o BNG-Asembleas Abertas pediron ao goberno municipal que aclare se están tramitándose autorizacións para máis fábricas no antigo aserradoiro de Talai. Veciñas de Talai indícannos que a empresa asegurou que ampliaría a factoría, explican.