O BNG-AA denuncia verquidos de material sanitario na estrada de Santiago
As nacionalistas demandaron ao goberno local que aclarase se tiña pensado adoptar medidas ante estes verquidos de material sanitario á rede de saneamento municipal
Betanzos, 9 de marzo de 2016. O BNG-Asembleas abertas lamentou que o goberno local non poña fin aos verquidos de material sanitario á rede municipal de saneamento. O pasado mes de febreiro as nacionalistas denunciaban os verquidos procedentes do colector de augas fecais do Coto, que rebordaron na estrada de Santiago. Ao saltar as tapas dos rexistros, quedou esparexido pola calzada un regueiro de vendas, cueiros e outros residuos sanitarios, como compresas ou mesmo xiringas provenientes da residencia de anciáns, explicou o portavoz do BNG, Henrique del Río.
É sabido que estes refugallos non poden ser desbotados polo retrete e que nun establecemento como o mencionado os residuos sanitarios teñen que ser depositados en colectores especiais para o seu tratamento posterior, advertiu o edil nacionalista. Desde o BNG-Asembleas Abertas cuestionan que o goberno local consinta este mal uso da rede municipal de saneamento. Principalmente porque as consecuencias das avarías e as súas reparacións pagámolas todas e todos os veciños, lamenta.
As nacionalistas demandaron ao goberno local que aclarase se tiña pensado adoptar medidas ante estes verquidos de material sanitario á rede de saneamento municipal. Se xa é grave que estes residuos sanitarios vaian a unha depuradora para os residuos domésticos, peor aínda é que acaben ciscados pola vía pública e que a acción do goberno local até hoxe sexa baldear a estrada, advirten.
O BNG lamenta, en definitiva, que a resposta que deu o goberno local do PSOE á pregunta das nacionalistas fose que [o Concello] non permitiu a ningún usuario ou institución tirar os residuos sanitarios polo saneamento. O que non aclara o goberno local é se van sancionar á entidade que os realizou os verquidos, como prometeron facer cando se rexistraron verquidos industriais á rede de saneamento, explica Del Río. O goberno limítase a dicir o que todas as veciñas da zona xa saben, que hai un problema na rede de saneamento, que leva anos botando á vía pública sen que o goberno o solucione, relata.
Unha fuga na rede de saneamento que leva anos verquendo
O BNG-Asembleas abertas recorda que xa trasladou varias veces este tema ao Pleno do Concello no último ano, sen que o goberno local lle puxera solución. Estes vertidos non son novos, levámolos denunciando durante un ano, como non é novo que a solución anunciada polo goberno local nunca chegue, criticou o edil nacionalista. Cando teñen pensado solucionar este problema de forma definitiva para poñer fin a estes verquidos?, concluíu.