O BNG-AA denuncia a privatización dos servizos municipais de xardinaría
Desde o BNG-AA insisten en que cos máis de 87 000 euros do contrato que oferta o goberno local poderían contratarse varios xardineiros máis se o servizo precisa reforzo.
Betanzos, 27 de febreiro de 2016. O BNG-AA cuestionou no Pleno a privatización do servizo de xardinería anunciada esta semana polo goberno municipal do PSOE. O edil nacionalista Henrique del Río indicou que na relación pública de empregos do Concello figuran catro prazas de xardineiro e, a pesar das xubilacións, o Concello aínda conta con 5 operarios neste servizo, entre o persoal adscrito e o do GRUMIR readmitido e reubicado neste servizo.
As nacionalistas consideran, polo tanto, que o mantemento dos xardíns e macetas do municipio pódese facer con medios propios. Haberá que organizar o traballo do servizo e formar ao seu persoal e se fai falta contratar persoal contratalo mais pensamos que a opción de seguir privatizando os servizos do Concello é máis cara e funciona peor que a xestión directa por persoal municipal. Desde o BNG-AA insisten en que cos máis de 87 000 euros do contrato que oferta o goberno local poderían contratarse varios xardineiros máis se o servizo precisa reforzo.
Del Río demandou ao goberno local que aclare por que motivo se opta pola privatización do servizo ademais advertiu que no borrador de orzamentos non hai partida suficiente no programa de parques e xardíns para pagar esta privatización.
Non é normal nin supón un aforro privatizar un servizo cando xa existen 5 xardineiros no cadro de persoal
Para as nacionalistas tan escandaloso como a privatización do servizo tendo xardineiros é que o PSOE o anuncie como algo normal. Explican que co que nos custan todos estes contratos de privatización, os servizos municipais poderían estar cubertos con persoal propio, o que repercute na creación de empregos de calidade e na economía local.
Desde o BNG-Asembleas Abertas advirten que esta nova privatización segue os pasos que o goberno do PSOE deu antes con servizos como a limpeza viaria e de edificios municipais, o cemiterio ou as obras de mantemento viario. Nos xardíns o PSOE estivo dando contratos a dedo durante anos para evitar o concurso público, ao igual que no cemiterio ou na reparación das rúas, denuncia Del Río, que recorda que a Intervención municipal censura esta maneira de contratar do goberno local.
Ademais, desde o BNG-Asembleas Abertas pregúntanse polo futuro que lles agarda aos cinco xardineiros que mantén no cadro de persoal o Concello. Se unha empresa privada vai facer o seu traballo, non sabemos que farán estes traballadores, se o PSOE pretende reubicalos noutros servizos ou se o que pretenden é despedilos, mais estaría ben que o aclarasen, conclúen.