O BNG-AA faise eco das queixas pola falta de iluminación axeitada na rúa Valdoncel
Del Río: o goberno local debe escoitar e atender á demanda das veciñas, a fin de lograr unha axeitada iluminación eliminando zonas de penumbra incrementando, se é preciso, o número de focos
Betanzos, 26 de febreiro de 2016. O BNG-Asembleas Abertas faise eco do escrito presentado pola veciñanza da rúa Valdoncel onte no rexistro municipal para demandar melloras na iluminación da rúa. Como nos informan as veciñas do Valdoncel, e como se pode constatar hoxe mesmo, afirma Henrique del Río, portavoz municipal do BNG-AA, desde que se produciu a a substitución das luminarias tradicionais por outras máis modernas, de tipo LED, reduciuse significativamente a iluminación dunha vía transitada coma esta, unha das entradas de Betanzos.
O BNG-AA entende que a substitución por luces máis económicas e cun menor consumo enerxético constitúe un importante aforro para as arcas municipais e contribúe ao coidado do medio e valórao positivamente. Mais, entende que se este cambio xera malestar entre a veciñanza porque o servizo empeora, entendemos que o goberno local debe escoitar e atender á demanda das veciñas, a fin de lograr unha axeitada iluminación eliminando zonas de penumbra incrementando, se é preciso, o número de focos, explicou o voceiro nacionalista.