O BNG-AA cuestiona que o PSOE busque excusas para privatizar o servizo de limpeza
Xa había unha persoa contratada a través da empresa privada limpando o colexio e hoxe entraron outras tres; isto fai ver que, obviamente, non é unha solución de urxencia
O PSOE díxonos onte que era unha saída motivada pola premura ante o inicio do curso, mais até onde sabemos, o curso comezou exactamente nas mesmas datas que en anos anteriores
Betanzos, 10 de setembro de 2015. O BNG-Asembleas Abertas advertiu de que hoxe comezaron a traballar tres persoas no servizo de limpeza do CEIP Vales Villamarín por medio dunha empresa privada, desempeñando os traballos que facían traballadoras municipais. Contratar persoal por medio dunha empresa privada para desempeñar as tarefas que antes facían empregados públicos é privatizar un servizo, aquí e na China popular, sostén Del Río.
Xa había unha persoa contratada a través da empresa privada limpando as oficinas, agora son catro, explica o voceiro nacionalista, Henrique del Río. Isto fai ver que, obviamente, non é unha solución de urxencia a pesar do que diga o goberno local, puntualiza. O PSOE díxonos onte na xunta de portavoces que era unha saída motivada pola premura ante o inicio do curso, mais até onde sabemos, o curso comezou exactamente nas mesmas datas que en anos anteriores, o que pasa que o goberno local estivo sen facer nada desde que despediu ás limpadoras do aulario, engaden as nacionalistas.
O PSOE di agora que non serven as listas de substitución do servizo de limpeza das que estiveron a tirar até a metade deste ano, explica. Seica agora, na segunda metade do ano, esas listas xa non serven e van facer outras novas, con outro proceso selectivo e outras bases que antes terán que ser aprobadas, engade. Con que haxa un recurso e co interese que lle puxo até o de agora o PSOE a este asunto, o servizo botará privatizado todo o curso, que no fondo é o que pretende o PSOE, denuncia.
Estaría ben que o goberno local explique publicamente a que responden estes cambios de criterio e por que o que servía en marzo non serve agora, porque semella que están facendo todo isto a medida de algún interese que non é, desde logo, o interese xeral da veciñanza, conclúen.
En xullo o Pleno acordou cubrir as baixas do servizo municipal de limpeza e garantir o carácter público deste servizo, recorda Del Río. Desde entón o goberno do PSOE estivo sen facer nada, tratando de gañar tempo para acabar facendo o que xa decidira cando despediu as traballadoras, que non é outra cousa que privatizar o servizo, denuncian desde o BNG-Asembleas Abertas. E é efectivamente, acaba facendo o contrario do que acordou o Pleno, co voto favorábel do PSOE, por certo, puntualiza.
Contrato sen concurso público
Como é uso e costume co goberno do PSOE, o contrato para a privatización do servizo de limpeza foi, unha vez máis, a dedo, denuncia o voceiro nacionalista. Non houbo ningún concurso público nin se publicou nada sobre esta contratación no perfil do contratante para que se soubese que se estaba levando adiante nin para que calquera empresa puidese presentar a súa oferta, engade. Así ía a dedo a quen ao goberno do PSOE lle convén darllo, cun custo probabelmente maior para a veciñanza ou, se cadra, fraccionando os contratos para evitar o control, conclúe.