O BNG-AA celebra o venres a tradicional homenaxe a Antolin Faraldo
O acto, que contará cun recital poético e música ao vivo, terá como respaldo unha exposición no propio peirao que trata de resumir a vida e obra polas que o intelectual provincialista merece o recoñecemento público.
Betanzos, 19 de agosto de 2015. O BNG-Asembleas Abertas celebrará o vindeiro venres 21 a súa xa tradicional homenaxe a Antolín Faraldo, ao pé do monumento dedicado ao escritor e intelectual en Betanzos. O acto, que contará cun recital poético e música ao vivo, terá como respaldo unha exposición no propio peirao que trata de resumir a vida e obra polas que o intelectual provincialista merece o recoñecemento público.
En 2004 o Pleno do Concello acordou tributar unha homenaxe pública e posta en valor da figura de Faraldo recordan os nacionalistas. Nin o goberno do PSOE nin antes o do PP cumpriron con este acordo e mesmo tivo que ser o BNG quen colocase unha placa no monumento indicando que fixera Faraldo para merecer honras públicas, denuncia o voceiro do BNG-AA, Henrique del Río. A figura de Antolín Faraldo continúa a ser incómoda para os herdeiros dos centralistas que el combateu na década de 1840, apuntou, porque el e os provincialistas tiveron claro naquela altura que os problemas do pobo galego non terían solución mentres as decisións sobre o noso futuro se tomasen a cincocentos quilómetros do noso país.
Por este motivo, o BNG deseñou e publicou unha exposición que a través de varios paneis repasa a ideoloxía provincialista, a Revolución Galega de 1846 e a biografía e escritos de Faraldo. A iniciativa continúa o ciclo Viva a Revolución Galega de 1846 organizada o pasado ano polo BNG e as asociacións culturais Abril de Lume e Ferro, Roxín Roxal e Eira Vella. É un pequeno xesto de desagravio, mais Betanzos continúa a ter unha enorme débeda pendente coa figura de Antolín, indica o edil do BNG.
Así, cando remate a homenaxe que os nacionalistas tributan cada ano a este senlleiro conveciño, cantas persoas visiten o seu monumento poderán coñecer que Antolín Faraldo foi xornalista e escritor e un dos primeiros pensadores do que logo deveu en ser o nacionalismo galego. Secretario da Xunta Superior de Goberno de Galiza no alzamento de 1846 que rematou co sacrificio dos Mártires de Carral, recorda a placa financiada polo BNG, redactada polo historiador Xesús Torres e colocada hai dous anos no monumento ao intelectual provincialista.
A homenaxe comezará ás 21:00 h ao pé do busto de bronce de Faraldo cunha lectura, a cargo do propio público, de diversos pasaxes da súa propia obra, así como poesía de diversos autores. A cita, logo dunha ofrenda floral participada por todas as persoas asistentes e o canto do Himno Galego, terá por peche un pequeño concerto do grupo de gaitas da asociación A Triqueta.