O Bloque pide que saquen os bolardos da zona de estacionamento da rúa do Rollo
Os bolardos están creando mais problemas dos que solucionan, según as queixas da veciñanza. Os nacionalistas piden que se repoña o banco en torno ao magnolio centenario da praza de Lanzós.
Betanzos, 10 de marzo de 2014. O BNG demandou no Pleno que o goberno local retire os bolardos situados dentro da vía pública para evitar estacionamentos indebidos en varios puntos do centro urbano, entre eles na rúa do Rollo. Algúns destes bolardos están colocados incluso nas zonas de estacionamento.
O resultado é que ao estacionar moitos dos vehículos baten con estes bolardos porque non se ven, indican desde o BNG. Os nacionalistas trasladaron ao Pleno as queixas de veciñanza, comerciantes e visitantes diante desta situación.
Ocorrencias como estes bolardos ao final crean máis problemas dos que solucionan
Desde o BNG pediron información sobre esta decisión do goberno local que temen que expoña ao Concello a reclamacións patrimoniais cada vez que algún vehículo choque contra estes bolardos. Que pensan facer para solucionalo?, interpelaron ao goberno do PSOE.
Desde logo non parece que encher beirarrúas e calzadas de barras de ferro sexa a mellor solución para acabar co estacionamento indebido, explica o voceiro do BNG, Henrique del Río. Ocorrencias como estes bolardos ao final crean máis problemas dos que solucionan, indica.
O BNG volve a reclamar que se repoña o banco en torno ao magnolio de Lanzós
O BNG tamén ironizou co banco da praza de Lanzós que ían repoñer e segue sen estar. En outubro de 2013 os nacionalistas demandaron que se repuxese o banco en torno ao magnolio centenario desta praza do Casco Histórico, sorprendentemente retirado polo goberno local.
Os nacionalistas consideran inexplicábel que se cambiase o banco circular de madeira por catro de forxa sen motivo aparente. Puxeron os bancos metálicos, a xente criticou o cambio e aos dous días desapareceron os bancos, explica o voceiro do BNG, Henrique del Río. A ver se o PSOE se aclara co que quere facer coa praza, engadiu.
A ver se o PSOE se aclara co que quere facer coa praza de Lanzós
O necesario era amañar o chan baixo o magnolio e curiosamente ningunha das veces que o PSOE modificou a praza o fixo, indica Del Río. En novembro respondéronnos que ían rematar o pavimento en torno á árbore e buscar o mobiliario máis acaído á praza, pero deben de estar agardando por un enxeñeiro da NASA para facer algo tan complicado, ironiza o edil nacionalista.