Del Río: “O PP tiña a Betanzos sen orzamentos e ao PSOE parece non querer resolver o problema”
O BNG anuncia que recollerá todas as propostas que nos fagan chegar as entidades e colectivos para solicitar que se inclúan nos orzamentos.
O BNG anuncia que recollerá todas as propostas que nos fagan chegar as entidades e colectivos para solicitar que se inclúan nos orzamentos.
Betanzos, 20 de decembro de 2011. O BNG presentou esta mañá as súas propostas de cara a elaboración dun orzamento para o Concello de Betanzos. “Entendemos que a proposta debe partir do goberno municipal, pero dado que o PSOE parece non ter moito interese en facer uns orzamentos poñemos as nosas propostas enriba da mesa para abrir o debate”, indicou o portavoz municipal do BNG, Henrique del Río. Neste sentido, lembrou que os orzamentos xa tiñan que estar aprobados para entrar en vigor o 1 de xaneiro “e nin sequera hai un borrador”.
O edil nacionalista lembrou que Betanzos leva desde 2008 sen orzamento a causa da “incapacidade de PP e CxB para poñerse de acordo” na elaboración das contas públicas. Del Río recordou que isto provocou moitas “disfuncións” que “complicaron o goberno” por “multiplicar trámites” que serían innecesarios cun novo orzamento. “O PP tiña a Betanzos sen orzamentos e ao PSOE parece non querer resolver o problema”, apuntou.
O BNG aposta por un orzamento que afronte decididamente as necesidades actuais de Betanzos. Pero entende que “o PSOE non ten un proxecto económico para o Concello”. Del Río remitiuse ao debate recente sobre as ordenanzas fiscais, onde “o único que puxo propostas enriba da mesa foi o BNG”, lembrando as bonificacións introducidas para abrir negocios ou para mocidade e persoas sen emprego nas taxas, os novos tributos sobre caixeiros na vía pública e telefonía móbil ou o incremento sobre os transportes especiais. Neste sentido, o voceiro nacionalista recordou que “cos investimentos e a fiscalidade tamén se fai política”.
O BNG entende que os fondos municipais destinados a políticas sociais e xeración de emprego deberían ser “intocábeis” e que debería trazarse tamén “un plan de investimento no Casco Histórico”. Como propostas concretas, Henrique del Río avanzou que o BNG aposta por incluír as tres obras que os nacionalistas propuxeron para o POS e que o PSOE rexeitou- rehabilitación do tímpano da porta da Ribeira, construción da pista de skate cuberta e cuberta parcial do patio e outras melloras na escola infantil municipal. A aprobación do orzamento debe servir, segundo o BNG, para “solucionar o conflito que o Concello mantén cos seus traballadores” e para “manter os fondos para a normalización do galego diante dos recortes da Xunta”, como acordou o Pleno.
“Imos recoller todas as propostas que nos fagan chegar as entidades e colectivos para solicitar que se inclúan nos orzamentos” avanzou o voceiro nacionalista. “Defendemos elaborar os orzamentos de xeito participativo e imos cumprir, desde a nosa parte de responsabilidade, os nosos compromisos”, indicou. Os nacionalistas sumarán estas suxestións ás súas, pero entenden que “a proposta inicial ten que partir do goberno local, aínda que o PSOE parece que non ten interese en facer uns orzamentos”.
Novas relacionadas: