Del Río: Non ten sentido promocionar Betanzos en Betanzos
O BNG denuncia que o goberno do PSOE se nega a entregar as copias dos contratos desta campaña cando a solicitamos por rexistro.
Betanzos, 6 de abril de 2015. O BNG preguntou no Pleno polo custo total da campaña publicitaria Betanzos tan cerca. O voceiro do BNG, Henrique del Río, asegurou que non sabemos moi ben con que obxectivo está a promocionar o noso municipio porque ía ser para aumentar poboación censada mais agora vale tamén para publicitar a Semana Santa.
Os nacionalistas sosteñen que a campaña supón un gasto para as arcas municipais difícil de cuantificar. Por este motivo, demandaron ao goberno local que aclare canto leva gastado exactamente nesta campaña publicitaria, tanto en aluguer de valos e espazos publicitarios como no deseño da campaña e o rexistro das marcas.
Saben exactamente canto gastaron e canto teñen pensado gastar? ironizou no Pleno o voceiro nacionalista. Poderían darnos copia de todos os contratos e facturas para verificar o gasto? , interpelou.
Desde o BNG dubidan que teña moita lóxica publicitar Betanzos no propio Betanzos con unha campaña que, cando se presentou, o goberno local dixo que era para captar nova veciñanza empadroada no concello.
Neste sentido, denuncian que o goberno do PSOE se nega a entregar as copias dos contratos desta campaña cando a solicitamos por rexistro. Del Río explicou que xa pasaron moitos máis dos 5 días que a lei establece, e cando fumos ao negociado de contratación por eles dixéronnos que non tiñan coñecemento destas contratacións.
A transparencia é unha materia pendente do goberno municipal de Betanzos a pesar das proclamas que lanzou o PSOE no seu día, indica o voceiro nacionalista, Henrique del Río. Transparencia é que a veciñanza teña información de primeira man sobre o Concello, que é moi diferente á propaganda, advirte.
Neste sentido, o edil nacionalista lamentou que logo de impedirnos por meses o acceso á documentación, cando denunciamos estas prácticas do goberno do PSOE ante o Valedor do Pobo logo aínda encima din que pedimos documentación para entorpecer ao goberno. É evidente que cando se pon tanto empeño en impedirnos coñecer algo é porque hai algo que esconder, concluíu.