Del Río: “comarcalizar servizos contribúe a mellorar a calidade de vida das persoas”
Diante do acordo adoptado no pleno de Betanzos, o BNG insistiu en que comarcalizar os servizos “non é só dividir os gastos”.
Diante do acordo adoptado no pleno de Betanzos, o BNG insistiu en que comarcalizar os servizos “non é só dividir os gastos”.
Betanzos, 5 de xaneiro de 2012. “Comarcalizar servizos contribúe a racionalizar o gasto, mellorar a calidade de vida e extender os servizos públicos ao conxunto da cidadanía”. Así resumiu o portavoz municipal do BNG, Henrique del Río, a postura dos nacionalistas diante do debate aberto no pleno de Betanzos sobre esta cuestión.
Nunha rolda de prensa á que tamén acudiron as voceiras do BNG en Coirós e Oza dos Ríos, Pura Ferreño e Estefanía Busto, e o edil bergondés Juan Fariña, o BNG identificou comarcalización con eficiencia no gasto público. “Mantemos este discurso desde hai 30 anos e agora PSOE e PP apúntanse a el coa excusa da crise” lembrou Del Río.
Diante da moción aprobada no pleno de Betanzos cos votos da dereita e o PSOE, o BNG insistiu en que comarcalizar os servizos “non é só dividir os gastos”. Por este motivo os nacionalistas presentaron unha emenda a esta moción para iniciar conversas entre os concellos da comarca de cara a crear unha mancomunidade. A dereita non admitiu a emenda.
Segundo os nacionalistas, os concellos da comarca deberían entenderse para achegar servizos coma saneamento, transporte público, abastecementos ou políticas de xestión do lixo, culturais ou turísticas, tendo presente que isto “contribúe a racionalizar o gasto, mellorar a calidade de vida e extender os servizos públicos ao conxunto da cidadanía”.
O BNG defendeu que para dar este paso é precisa a supresión das deputacións provinciais, unhas entidades “obsoletas e sen función” que “gastan máis do 60% dos seus recursos en sosterse a si mesmas”. Segundo Henrique del Río, “no ano 2010 os galegos teríamos aforrado 300 millóns de euros se se suprimisen as deputacións”.