Del Río: Anunciar gastos como unha circunvalación coa que está caendo é até inmoral
O BNG critica que en cada proceso electoral PP e PSOE se saquen un proxecto da manga, pretendendo gañar votos a golpe de talonario.
Betanzos, 17 de abril de 2012. O BNG considera que o anuncio do goberno do PP no Estado de iniciar o estudo dunha nova estrada que conecte a autovía coa N-VI é propaganda electoral. Neste sentido, os nacionalistas cuestionan que o goberno de Rajoy estea a recortar millóns no ensino e na sanidade pública e ao mesmo tempo se anuncien proxectos que o propio Ministerio de Fomento recoñece que non son prioritarios.
Anunciar gastos coma este coa que está caendo é até inmoral, aínda no suposto de que se foran a executar, afirmou o voceiro do BNG, Henrique del Río, quen ademais aproveitou para arremeter contra o goberno local do PSOE por anunciar que pedirán fondos para outro vial máis. Non pode ser que en cada proceso electoral PP e PSOE se saquen un proxecto da manga, pretendendo gañar votos a golpe de talonario e de ocorrencia e que ademais logo nunca se executan, asegura.
Neste sentido, Del Río lamentou que o PSOE utilice o Concello e os seus medios para facer electoralismo e anunciar as emendas do PSOE aos orzamentos do Estado. O PSOE terá que explicar por que o ano pasado non se consignou nada para o proxecto da Ribeira e por que non lle reclamaron nada ao goberno de Zapatero o ano pasado, indicou.
O voceiro nacionalista reclamou seriedade a PP e PSOE diante destes anuncios. Non pode ser que se estean xustificando recortes en servizos sociais, sanidade ou ensino ou amparando decisións como a reforma das pensións ou a reforma laboral en nome da austeridade e logo anuncien que se van gastar cartos de todas e todos en cousas que non son o que os veciños precisan, censura.
Del Río lembrou que un episodio semellante a este viviuse hai un ano durante a campaña das municipais. O PP anunciou milleiros de euros para a rehabilitación do Casco Histórico e para solucionar os problemas das mareas na Ribeira e despois todos comprobamos que non había absolutamente nada detrás. Esperamos non ver aos conselleiros do PP visitando dentro duns meses, en campaña electoral, a futura estrada, ironizou o voceiro nacionalista.