En resposta ao BNG, a Xunta responsabiliza ao Concello dos incumprimentos da fábrica de Talai
Vendo que a Xunta do PP responsabiliza ao goberno municipal do PSOE de todos os incumprimentos da empresa é moita hora de que o goberno local garanta o dereito ao descanso, a saúde e a calidade de vida da veciñanza da contorna.
Celebrarán unha xuntanza coa veciñanza para valorar novas accións despois das festas
Betanzos, 7 de agosto de 2015. A Xunta respondeulle ao BNG que corresponde ao Concello a vixiancia e seguemento do cumprimento das condicións establecidas na declaración de incidencia ambiental da factoría instalada no núcleo de Talai. O goberno galego asegura na súa resposta á iniciativa rexistrada polo voceiro do BNG no Parlamento de Galiza, Francisco Jorquera, que garantir o cumprimento do ditame de incidencia ambiental corresponde ao Concello.
A inicitiva do BNG recordaba á Xunta as súas obrigas en materia ambiental e de saúde pública e instaba ao goberno galego a requerir á empresa a adopción de cantas medidas sexan necesarias para evitar estes impactos na veciñanza.
Ademais de derivar estas responsabilidades sobre o Concello de Betanzos, o goberno galego respondeu que as eventuais responsabilidades derivadas dos presuntos incumprimentos detectados até a data, consistentes na omisión da notificación do desenvolvemento dunha actividade potencialmente contaminadora da atmósfera, serán depurados a través do procedemento sancionador que corresponda.
A planta de Talai percibiu unha axuda da Xunta a través do IGAPE, para construír unha nova factoría. Sen embargo a licenza municipal de obras foi concedida polo Concello de Betanzos o 8 de setembro de 2012 como reforma e ampliación dunha nave existente previamente no lugar explicaban as parlamentarias nacionalistas na súa iniciativa.
Polo que sabemos a licenza de obra concedida era para reformar e ampliar unha nave existente pero a realidade é que se construíu unha nave completamente nova cunha cheminea de 12 metros e unha caldeira que provoca moitas molestias á veciñanza pola cantidade, cheiro e cor do fume que invade as vivendas e polos ruídos que se producen no seu funcionamento explica o portavoz municipal nacionalista, Henrique del Río.
Á vista da resposta do goberno galego do PP responsabilizando ao goberno municipal do PSOE de todos os incumprimentos da empresa no tocante a ruídos e emisións, desde o BNG-Asembleas Abertas reiteraron a súa exixencia de garantir o dereito ao descanso, a saúde e a calidade de vida da veciñanza da contorna.
Pedímoslle ao goberno municipal do PSOE que inspeccione a factoría, que non siga descargando a responsabilidade e que faga todo o posíbel por defender a veciñanza, concluíu o voceiro do BNG-Asembleas Abertas.
Xuntanza coa veciñanza para valorar novas accións
As nacionalistas anticiparon a súa intención de manter unha nova xuntanza coa veciñanza de Talai para valorar a resposta recibida e analizar as alternativas. Terá que ser cando rematen as festas para facilitar que a xente poida vir, explica Del Río.