Rebelámonos, como fixeron no seu día Bóveda e Faraldo, contra as medidas de PSOE e PP"
Maria Otero reclamou ao PSOE que cumpla o acordo para recoñecer a figura de Antolín Faraldo.
Betanzos, 17 de agosto de 2012. O BNG celebrou, un ano máis, a homenaxe a Antolín Faraldo co gallo do Día da Galiza Mártir. Conduciu o acto María Otero, que lembrou que tal día coma hoxe era asasinado na Caeira, en Poio, Alexandre Bóveda. A concelleira nacionalista recordou as últimas palabras de Bóveda antes de ser asasinado polos franquistas nos que refrendaba o seu compromiso con Galiza e lembrou a campaña desenvolvida por Galiza Nova para dar a coñecer a figura de Antolín Faraldo. Finalmente, leu un poema de Manuel María dedicado á memoria de Bóveda.
O portavoz municipal do BNG, Henrique del Río, cuestionou a reforma do Parlamento que quere levar adiante o PP, que cualificou de auténtico pucheirazo. Co recorte do Parlamento o PP quere secuestrar a vontade popular e mutilar o autogoberno de Galiza, a tarefa pola que Alexandre Bóveda deu a vida. O edil nacionalista cuestionou os recortes do Partido Popular que, asegurou, van contra as maiorías sociais e os sectores estratéxicos da nosa economía, para facer máis dependente este país e para consolidar os privilexios dunha minoría.
Fronte a esta situación, asegurou, hai alternativa e demostrámolo tamén no Concello, propoñendo unha fiscalidade máis xusta, como por exemplo subindo as taxas aos bancos ou cobrando o IBI á Igrexa polas propiedades que nin son edificios de culto nin patrimonio histórico. Ademais, recordou que o BNG tamén propuxo novas liñas de axuda para as familias e unha solución para o conflito que o goberno local mantén co persoal municipal. A hipocrisía do PSOE é tal que aquí, en Betanzos, está a facer o contrario do que reclama alí onde están na oposición, denunciou.
Hai alternativa e rebelámonos contra as medidas que impón a oligarquía e que PSOE e PP defenden, asegurou, e seguiremos defendéndoas como as defenderon no seu día Antolín Faraldo e Alexandre Bóveda. Estes dous imprescindíbeis, por loitaren todos os días da súa vida como dicía Bertolt Brecht, son o norte no compás que marca o rumbo do BNG, afirmou, para asegurar que quen confiou no BNG fíxoo porque sabe que somos firmes defendendo unha alternativa, os servizos públicos e a igualdade e non os imos defraudar.
Andrés Otero: Homenaxeamos tamén aos que son mártires sen sabelo
O primeiro portavoz municipal do BNG en Betanzos, Andrés Otero, recordou que a homenaxe vai máis alá do ritual ao lembrar a quen levou o seu compromiso político co país até o final. Tamén homenaxeamos a todas e todos aqueles que son mártires sen sabelo, asegurou Otero Martínez para referirse aos mestres e empregados públicos, mocidade emigrante, estudantado sen perspectivas ou desempregados e persoas dependentes diante dos recortes do PP.
O ex-edil do BNG non quixo deixar pasar por alto a ocasión de cuestionar que a figura de Antolín Faraldo siga esquecida polo goberno local malia o acordo unánime que impulsou o BNG para poñela en valor. O desprezo chega ao punto que se ve nesta praca, coa estupidez de dicir tan só cando naceu e finou Antolín e poñer os anos que tiña, apuntou, criticando que non haxa unha soa liña lembrando quen foi e que supuxo para a historia de Galiza Antolín Faraldo.
Sara Matilla: o PSOE leva un ano dando as costas á xente nova
Aquí está Galiza Nova, mocidade comprometida con Galiza como estivo o mozo Antolín Faraldo, asegurou Sara Matilla. A responsábel local das mocidades do BNG criticou que o goberno local leve un ano dando as costas á xente nova, sen convocar o Consello da Mocidade para escoitar as nosas demandas e asegurou que de promesas coma o skatepark cuberto o PSOE esqueceuse e só fan un concertiño cos grupos locais nas festas, pero sen o protagonismo que merecen.