"De privilexios e recortes", artigo sobre o cobro do IBI á Igrexa
"Partidos e sindicatos tributan o IBI das súas sedes en propiedade. Escolas e hospitais están exentos polo seu cometido asistencial. Non se trata de anticlericalismo nin nada parecido. Trátase de cumprir aquel exhorto de dar ao César o que é do César e a Deus o que é de Deus.
Betanzos, 7 de xuño de 2012. O xornal "Betanzos e a súa comarca", editado por ACEBE, recolle no seu número deste mes un artigo do portavoz municipal do BNG, Henrique del Río, sobre a iniciativa que o Pleno debatiu para cobrarlle o IBI á Igrexa. Esta proposta do BNG foi tumbada cos votos da dereita e o PSOE. Polo seu interese ofrecemos a continuación o artigo íntegro.
De privilexios e recortes
Asistimos día tras día a como o goberno central e o goberno galego, ambos en mans do PP, exixen á cidadanía máis e maiores sacrificios coa excusa da crise. Un día recúrtanse os fondos do ensino público, outro día a sanidade e ao outro anúnciase que a Xunta deixa sen fondos para servizos sociais aos concellos de menos de 20 000 habitantes. E nese contexto de recortes das condicións laborais ou do acceso á xustiza, mantéñense privilexios para algúns.
É o caso da exención de pagar o IBI, a contribución, da Igrexa católica. Nun informe de 2010, a Dirección xeral do Catastro daba cifras do patrimonio estritamente relixioso da Igrexa católica en Galiza: 7.691 inmóbeis e un valor catastral de 426 millóns, cantidade que non repercute nos orzamentos municipais.
En Betanzos son, segundo datos do Catastro e salvo erro ou omisión, uns 60 000 metros cadrados de propiedades 14 000 de uso exclusivamente relixioso- cun valor catastral de arredor de tres millóns de euros (e excluíndo os edificios con finalidade educativa e asistencial vinculados á Igrexa). Se a Igrexa pagase o IBI como calquera cidadán- coas exencións e bonificacións que pode ter calquera persoa por ter, por exemplo, un inmoble catalogado coma patrimonio- serían arredor de 15 000 euros que poderían axudar a soster os servizos que o Concello empresta a todos os betanceiros.
O PSOE, que agora se erixe en defensor desta proposta, logo de gobernar os últimos 8 anos no estado e votar en contra dela no Congreso unhas cantas veces, acaba de votar en contra tamén en Betanzos
Falamos duns privilexios fiscais que se remontan ao concordato co Vaticano de 1979 e que xa nunca tiñan que terse dado, pero que no actual contexto, exixíndoselles esforzos a cotío ás maiorías sociais, aínda son máis inxustos se cabe. Por iso en marzo o BNG xa levou novamente esta cuestión ao Congreso dos Deputados. E por iso, xunto á petición de revisión do concordato propuxemos no Pleno que o Concello negociase coa Igrexa unha compensación por este IBI que non tributa, por exemplo cedendo fincas desocupadas urbanas ou rústicas- para uso municipal.
Non se trata de anticlericalismo nin nada parecido. Trátase de cumprir aquel exhorto de dar ao César o que é do César e a Deus o que é de Deus.
En Italia o goberno imposto polos mercados tomou esta decisión espoleado pola Comisión Europea. O presidente da súa Conferencia Episcopal afirmou que era pecado que a Igrexa non contribuíse a soster os servizos que xente máis necesitada si ten que soster. O presidente da Conferencia Episcopal Española ameazou con pechar Cáritas- que só percibe o 2% dos seus fondos da Igrexa- no caso que se lle cobrase o IBI. Pode estar tranquilo, o PP xa cualificou de irresponsabilidade rematar con estes privilexios, e o PSOE, que agora se erixe en defensor desta proposta no Congreso, logo de gobernar os últimos 8 anos no estado e votar en contra dela no Congreso unhas cantas veces, acaba de votar en contra tamén en Betanzos.
Partidos e sindicatos tributan o IBI das súas sedes en propiedade. Escolas e hospitais están exentos polo seu cometido asistencial. Non se trata de anticlericalismo nin nada parecido. Trátase de cumprir aquel exhorto de dar ao César o que é do César e a Deus o que é de Deus.