Pedimos no Pleno que se revise o lugar de colocación das farolas da rúa Venezuela
"Polo que nos explicaron as veciñas, a colocación das novas farolas instaladas na rúa deixa bastante que desexar xa que as novas luminarias quedan xusto diante das súas fiestras, iluminando excesivamente as súas vivendas, entre outras molestias"
"Polo que nos explicaron as veciñas, a colocación das novas farolas instaladas na rúa deixa bastante que desexar xa que as novas luminarias quedan xusto diante das súas fiestras, iluminando excesivamente as súas vivendas, entre outras molestias"
Betanzos, 30 de xuño de 2018. O BNG levou a pleno o malestar da veciñanza da rúa Venezuela coas obras que o Concello desenvolveu até hai uns días. "Polo que nos explicaron, a colocación das novas farolas instaladas na rúa deixa bastante que desexar xa que as novas luminarias quedan xusto diante das súas fiestras, iluminando excesivamente as súas vivendas, entre outras molestias" indica o voceiro do BNG, Henrique del Río.
"Aseguran que foron manifestar o seu desagrado ao Concello, sen que se actuase para subsanar a situación", explica. "Dixéronnos que pediran que se recolocasen de maneira que non molestasen, mais non lles deron prazos nin compromiso de facelo" engade.
Expoñer os proxectos á veciñanza antes de aprobalos para evitar isto
As nacionalistas sorpréndense de que non se tivese en conta este detalle á hora de proxectar as obras e instalar os puntos de luz. "Non custa nada amosar os proxectos á veciñanza antes de aprobalos para recoller suxestións de ideas que non se tiveron e anticiparse a problemas como este" engade Del Río. "Isto si que sería contar coa participación veciñal e evitaría refacer proxectos ou amaños improvisados que ao longo custan máis" engade.