Modelos de cidade: Miño ou Allariz? Pontevedra ou Barreiros?

Modelos de cidade: Miño ou Allariz? Pontevedra ou Barreiros?

Henrique del Río co alcalde de Allariz, Francisco García, no Casco Histórico de Betanzos

"O BNG-AA acredita nun modelo de cidade sostíbel, respectuoso co medio e coas nosas formas tradicionais de asentamento, capaz de xerar riqueza no noso concello"

Betanzos, 11 de marzo de 2016. O xornal ‘Betanzos e a súa comarca’ publica no seu número deste mes un artigo, da autoría colectiva da militancia do BNG e mais as persoas que participan nas Asembleas Abertas, no que analizamos o modelo de cidade que queremos a conta do debate sobre o Plan Xeral. Polo seu interese aquí tes íntegro. Boa lectura!

Modelos de cidade: Miño ou Allariz?

Os 90 do século pasado e os primeiros 2000 xa pasaron. Non son estes os anos do boom inmobiliario, todo o contrario: sufrimos aínda unha crise global que no Estado español se viu agravada polo estalido da burbulla inmobiliaria. O modelo “desenvolvimentista”, é dicir, construír polo feito de construír, sen ter en conta o aumento real da poboación tivo un impacto terríbel sobre a nosa paisaxe e o noso medio e trouxo tamén grandes consecuencias económicas para as persoas e as administracións.

Entre Allariz ou Miño nós temos claro que elexiriamos, e vós?

Un exemplo deste modelo témolo aquí ao lado, nun concello da comarca, en Miño, ou en Barreiros, na Mariña de Lugo, e en menor medida en calquera vila galega, sobre todo na costa e nas áreas metropolitanas. Se pensamos en Miño vennos á cabeza unha gran cantidade de vivenda baleira, que deixou o Concello na situación económica en que está, obrigado a dotar de servizos a urbanizacións que son máis grandes que a propia vila, con problemas de mobilidade, e non só deste tipo. Este modelo do crecemento a base de ladrillo causou, ademais de graves danos ambientais, un problema para a veciñanza de Miño, hoxe con menos e peores servizos, e un problema para o Concello, insostíbel desde o punto de vista económico.

As nacionalistas do BNG-Asembleas Abertas temos claro que o boom da construción acabou, e benvido sexa. Non sentimos nostalxia daqueles anos e menos nun concello coma o noso. O final desa época, lonxe de ser un problema, é unha grande oportunidade: termos por fin un concello sostíbel, onde se reforme e rehabilite a vivenda coa que contamos, dentro e fóra do Centro Histórico, con núcleos rurais con servizos e que medren respectando a nosa forma tradicional de asentamento; a oportunidade en fin, de termos un Casco Histórico rehabilitado, capaz de xerar emprego e riqueza en Betanzos e na comarca. Pensade só en dous referentes de urbanismo que hai uns anos tiñan os nosos problemas: Allariz, ou Pontevedra.

Imos seguir aferrándonos a un modelo urbano doutras épocas, que nos leva a onde nos leva? O BNG-AA acredita nun modelo de cidade sostíbel, respectuoso co medio e coas nosas formas tradicionais de asentamento, capaz de xerar riqueza no noso concello. Entre Allariz ou Miño nós temos claro que elexiriamos, e vós?

 

Modelos de cidade: Miño ou Allariz? Pontevedra ou Barreiros?