Liches xa o boletín do BNG desta primavera?
O último número do voceiro informativo do BNG chegou xa a todas as casas do concello.
Betanzos, 15 de maio de 2014. Xa chegou a todas as casas do municipio o último número do boletín informativo do BNG, onde explicamos a toda a veciñanza a situación da zona azul do aparcamento de pago ou ORA. Ademais, explicamos a nosa proposta de retirar a ordenanza de limpeza para non multar con cen euros ás persoas que rebusquen entre o lixo e a nosa moción para garantir o subministro eléctrico ás persoas sen recursos.
Ademais, cunha tira cómica explicamos ironicamente as contratacións de persoal no noso Concello e repasamos tamén a nosa negativa a subir as taxas da traída e o saneamento para beneficiar á empresa concesionaria. Na contraportada, analizamos a proposta de "parking express" do goberno local do PSOE para o Casco Histórico e explicamos as nosas propostas para o tráfico e estacionamento na zona monumental.