Lamentamos que o investimento "real" en bolsas no pasado 2017 fose de tan só 19 954,39 euros segundo a conta xeral
Dos 50 000 euros para axudas de emerxencia social, o goberno local tan só gastou 8434,56 euros
O total de gastos en publicidade e propaganda ascende a 32 485,40 euros, cando o orzamento prevía 11 200, e o dispendio en atencións protocolarias vaise aos 64 986,03 euros, cando as contas prevían 9600 euros.
Dos 50 000 euros para axudas de emerxencia social, o goberno local tan só gastou 8434,56 euros
O total de gastos en publicidade e propaganda ascende a 32 485,40 euros, cando o orzamento prevía 11 200, e o dispendio en atencións protocolarias vaise aos 64 986,03 euros, cando as contas prevían 9600 euros.
Betanzos, 18 de xuño de 2018. O BNG lamentou que o investimento "real" en bolsas no pasado 2017 fose de "tan só 19 954,39 euros". As nacionalistas recordan que o goberno local mandou "media ducia de notas de prensa gabándose da súa política de bolsas dicindo que investían 22000 euros en bolsas de material escolar e 10000 en bolsas para universitarios". Segundo indica o voceiro do BNG, Henrique del Río, "a conta xeral pon de manifesto que o goberno local deixou un terzo destes cartos sen investir en educación a pesar de canto anunciaron".
Neste sentido, indica que dos 50 000 euros para axudas de emerxencia social, o goberno local tan só gastou 8434,56 euros. "Anunciaron varias veces que incrementaban estes fondos, e mesmo que ían acoller refuxiadas a conta desta partida e o certo é que quedou todo nun titular de prensa para vender as bondades do orzamento de 2017, que evidentemente non existen e agora se ve", indica. Del Río censura que, ademais, desta contía quedaba pendente de pagar a fin de ano máis de 1100 euros. "Co tipo de axuda que é, demorar o pago pode provocar un prexuízo enorme para as beneficiarias deste tipo de axudas", explica.
O edil nacionalista cuestiona que o goberno local pretendese facer pasar por orzamento progresista unhas contas que non pretendía levar por esa liña. "A maioría que negociou ás agachadas o orzamento e o aprobou anunciou e vendeu como logros a política de bolsas e a atención a refuxiadas, e a realidade da conta evidencia que venderon fume cada un na medida das súas responsabilidades", aseguran desde o BNG.
Dispáranse gastos en publicidade e propaganda
Neste sentido, as nacionalistas censuran que, pola contra, as partidas de gastos superfluos que se minoraron nos orzamentos para facelos máis atractivos e progresistas se dispararon. Advirten, así, de que o total de gastos en publicidade e propaganda ascende a 32 485,40 euros, cando o orzamento prevía 11 200, e o dispendio en atencións protocolarias vaise aos 64 986,03 euros, cando as contas prevían 9600 euros.
"Vemos como se minte á veciñanza á hora de pactar e aprobar as contas, anunciando que se van a reducir este tipo de gastos, e como á hora da verdade o goberno local segue disparando os gastos en carteis, anuncios e petiscos para comprar vontades cos cartos de todos no que a política de bolsas e as políticas sociais non se atenden", conclúen