O BNG advirte dun recorte de 10 000 euros en emerxencia social
Á hora da verdade o PSOE olvídase das súas promesas que non tiña intención de cumprir e recorta 10 000 euros, un 30%, nas axudas de emerxencia social coa que está caendo e non hai un só euro para o copago dos medicamentos dos enfermos crónicos.
As notas atacando ao BNG, que as faga, envíe, publique e pague o PSOE, que non usen os cartos da veciñanza para crear unha realidade paralela que só existe na súa ficción.
Betanzos, 19 de xullo de 2014. O BNG lamentou que o goberno local do PSOE utilice cartos e medios públicos para vender propaganda de cousas para as que despois non hai cartos nos orzamentos. Os nacionalistas lamentan que o PSOE utilice o gabinete de prensa e a web municipais como se fosen do partido, para atacar á oposición e para facer propaganda de cousas que despois non teñen intención de facer.
Segundo o BNG, nas contas que o vindeiro luns debatirá o Pleno non hai un só euro para investimentos no Casco Histórico e tampouco unha partida, por mínima que fose, para manter as axudas á rehabilitación de vivendas. Aseguran, ademais, que a partida para actuacións subsidiarias é manifestamente insuficiente para que o Concello reconstrúa a Casa Gótica. Dicir que van reconstruír a Casa Gótica con 3480 euros é insultar a intelixencia da veciñanza, censura o voceiro nacionalista, Henrique del Río.
O PSOE recorta 10 000 euros, un 30%, nas axudas de emerxencia social coa que está caendo e non hai un só euro para o copago dos medicamentos dos enfermos crónicos
Tamén anunciaron varias veces a creación dun área de lecer canino e dun skatepark cuberto, recorda o edil do BNG. Asegura que para estas dúas actuacións, obxecto de senllas acccións propagandísticas do goberno municipal tampouco hai un peso en ningunha partida específica.
Na mesma liña, advirten que non hai un só euro destinado a políticas de mocidade e tampouco á normalización do galego. Ao PSOE a normalización do galego só lle interesa cando pode usala para atacar á Xunta e a Deputación por reducir as axudas, lamenta o edil do BNG.
As axudas de emerxencia social redúcense en 10 000 euros
As nacionalistas advirten de que as axudas de emerxencia social redúcense en 10 000 euros con respecto á partida prevista en 2012. Con medios públicos o PSOE publicitou que ía financiar o copago farmacéutico con elas e incrementar nun 700% estas axudas, recorda Del Río. Á hora da verdade, olvídase das súas promesas que non tiña intención de cumprir e recorta 10 000 euros, un 30%, nas axudas de emerxencia social coa que está caendo e non hai un só euro para o copago dos medicamentos dos enfermos crónicos, explica.
Desde o BNG lamentan que o PSOE use descaradamente cartos públicos para vender propaganda sen cobertura no orzamento e recordan ao executivo local que a web municipal é de toda a veciñanza e non do PSOE. As notas atacando ao BNG, que as faga, envíe, publique e pague o PSOE, que non usen os cartos da veciñanza para crear unha realidade paralela que só existe na súa ficción, conclúen.