O BNG lamenta que as bolsas de material escolar e comedor non sexan progresivas
A conta xeral amosa que a 31 de decembro de 2011, o goberno do PSOE aínda non pagara 4800 euros destas axudas. Con isto prexudícase ao pequeno comercio, que non cobra os cheques do material, e ás familias que asumiron en solitario o custo do comedor.
Betanzos, 22 de agosto de 2012. O BNG considera insuficiente a cantidade destinada polo goberno municipal do PSOE para bolsas de comedor e material escolar. Como xa advertimos no debate dos orzamentos e como demostra a conta xeral de 2011, que nos acaba de achegar o goberno, os 14 000 euros previstos van ser insuficientes este ano, asegurou o voceiro nacionalista, Henrique del Río.
Desde o BNG afirman que, ademais, a 31 de decembro de 2011, o goberno do PSOE aínda non pagara 4800 euros destas axudas. Con isto prexudícase ao pequeno comercio, que non cobra os cheques do material, e ás familias que asumiron en solitario o custo do comedor, advirten.
As bases aprobadas polo goberno local son exactamente as mesmas que o pasado ano, pero a situación económica non é a mesma, indicou o portavoz municipal do BNG. Neste sentido, os nacionalistas insisten en que hai que facer un maior esforzo para mitigar os efectos da crise e a suba do IVE que impuxo o PP para o material escolar.
Por este motivo, desde o BNG indican que o goberno local do PSOE debera ter modificado as bases das axudas. A contía da bolsa unha vez concedida non é progresiva, é a mesma sexa cal sexa a renda, indican desde o BNG, que entenden que esta axuda debera ser progresiva para garantir o acceso a maiores fondos por parte dos que menos teñen.
"Hai que facer un esforzo para mitigar a crise e a suba do IVE imposta polo PP"
O máximo de renda permitido para poder optar ás bolsas é demasiado baixo, indica o portavoz do BNG. Unha familia de dous pais e un cativo, poderían ter como máximo uns ingresos totais de 1170 euros mensuais para poder optar á axuda, senón están directamente excluídos, exemplifica. Isto quere dicir que un dos adultos non pode ter ningún tipo de ingresos, porque senón supera a renda máxima a partir da cal non pode optar á axuda, indicou. A unha familia cun dos seus membros desempregado e sen ningún tipo de ingreso 80 euros non lle solucionan nada, conclúen.
O BNG tampouco entende o cambio de criterio do goberno local do PSOE con respecto á forma de medir a capacidade económica das familias. En xuño deste ano, cando o goberno do PSOE pretendeu subir en 50 euros a asistencia á escola infantil municipal, a concelleira de Servizos Sociais, a socialista María Barral, asegurou que "o IPREM é o referente para todos os temas de servizos sociais desde hai xa moito tempo". Non entendemos como agora, contra o que afirmaron hai dous meses, o PSOE emprega a renda per cápita, sensibelmente inferior en contía ao IPREM. Esta axuda debera ser progresiva para garantir o acceso a maiores fondos por parte dos que menos teñen, asegurou Del Río.