O PSOE intenta vender como incremento nas bolsas escolares o que en realidade é un recorte
O BNG exixiu ao goberno municipal do PSOE que deixe de manipular os datos para que amosen o que lles interesa.
Betanzos, 28 de xullo de 2012.O BNG lamenta que o PSOE utilice unha trampa contábel para presentar o seu proxecto de orzamentos para este ano 2012, e intente enganar á cidadanía. Os orzamentos que presenta o goberno loc
al supoñen un incremento do gasto corrente nun 26.43% respecto do orzamento anterior, como o propio alcalde recoñece na súa memoria, informou Henrique del Río, voceiro municipal do BNG. A pesar de que o Orzamento se reduce en algo máis de 2 millóns de euros, o gasto corrente incrementase en medio millón, engadiu.
O BNG exixiu ao goberno municipal do PSOE que deixe de manipular os datos para que amosen o que lles interesa. O gasto en festas que segue sendo de 238.000 euros, aparte a festa da tortilla e a semana do pincho compárano co ano 2010, mentres que as bolsas para comedor e material escolar as comparan interesadamente co orzamento do ano 2008, que prevía só 3000 euros. O nacionalista indicou que no ano 2010 o gasto nestas bolsas ascendeu a 15 878.30 euros, e o PSOE só prevé 14 000 no orzamento de 2012. Estase intentando vender como incremento o que en realidade é un recorte, evidenciou.
Entendemos que a comparativa se ten que facer en todos os casos coa conta xeral de 2010, que é o documento onde realmente se sabe o que se gastou nese ano, dado que non ten sentido facer comparativas cos orzamentos de hai catro anos cando a realidade económica era sensibelmente diferente, explicou Del Río, Non podemos comparar có ano 2011, porque aínda non presentaron a conta xeral.
Postos a comparar todo co orzamento de 2008, como interesadamente fai o goberno, cando lle convén, poden comparar os 504 671,50 euros de inversións que prevén no 2012, cos máis de 5 millóns do ano 2008, ironiza o BNG, os únicos investimentos que se prevé realizar este ano, fora dalgunha compra de equipamento, son os do Plan de Obras da Deputación.
O BNG propón habilitar unha partida para crear bolsas para actividades extraescolares
O BNG presentou unha moción instando ao goberno municipal do PSOE a que habilite unhas bolsas para financiar as actividades extraescolares dos nenos cuxa familia careza de recursos para financialos e un incremento real das bolsas para material escolar e comedor.
Na situación económica actual vai haber cada vez máis familias que non poidan facer fronte a estes gastos, explicou o voceiro nacionalista, Henrique del Río. Os nacionalistas entenden que tamén sería importante que o Concello aumentara a contía das bolsas de material escolar para contribuír a paliar a situación económica que viven moitas veciñas e veciños de Betanzos.
Coa suba do IVE aprobada polo PP no goberno do Estado- que supón que o tipo de IVE do material escolar se incrementa até o 21%- e coa baixada das prestacións por desemprego hai familias que van estar aínda máis afogadas economicamente, entenden no BNG.