Lamentamos que o goberno local renuncie a contratar auxiliares de policía para o verán
O ano pasado si que contrataron auxiliares de policía local e este verán, exactamente coa mesma situación, non os van contratar e non entendemos por que.
Betanzos, 20 de xullo de 2015. O BNG-Asembleas Abertas desvelou que o goberno local do PSOE non vai contratar auxiliares de policía para reforzar o persoal da Policía Local este verán. O ano pasado si que contrataron auxiliares de policía local e este verán, exactamente coa mesma situación, non os van contratar e non entendemos por que, indicou o voceiro nacionalista, Henrique del Río.
As nacionalistas demandan que se contraten estes auxiliares de policía xa que a policía local é un servizo básico que o Concello de Betanzos ten que emprestar obrigatoriamente. É un servizo necesario e se outros concellos contratan auxiliares de policía local en verán, non entendemos por que Betanzos non vai poder, asegura o edil nacionalista.
Desde o BNG-Asembleas Abertas cuestionan que mentres un servizo básico como a policía local non se reforza, o goberno local contrata un patrón para a lancha municipal, que nin é un servizo necesario nin soluciona problemas cotiás á veciñanza.
En persoal é preciso que o Concello distinga o necesario do accesorio
É necesaria unha política de persoal razoábel, advirte Del Río. O Concello de Betanzos precisa dunha política de persoal que distinga o necesario do accesorio e que permita o bo funcionamento dos servizos municipais, engadiu.
Hai queixas continuas de servizos como o de limpeza, o cemiterio ou a seguridade, relata. E en boa parte débense a que o goberno municipal do PSOE contrata o persoal en función de non se sabe moi ben que, mais que en todo caso non se fai atendendo ás necesidades do servizo e da veciñanza, explica. E así é imposíbel cubrir axeitadamente os servizos públicos para atender as demandas da veciñanza, sostén Del Río.
Por este motivo, desde o BNG-Asembleas Abertas demandaron ao goberno municipal do PSOE que rectifique. Pedímoslle ao goberno local que pense na veciñanza, que defenda os servizos públicos e que corrixa a súa política de persoal para non seguir enquistando problemas, conclúen.