#IdeasParaNosDefender
"Queremos que se aplique o IVE superreducido á luz, o gas e a auga, servizos básicos que agora están gravados co 21% do IVE. Propoñemos crear un parque de vivendas públicas en aluguer a partir dos pisos propiedade dos bancos rescatados con fondos europeos, para facilitar o acceso a unha vivenda as persoas que teñan máis dificultades".
Betanzos, 8 de maio de 2014. A militancia do BNG da comarca escribiu para o último número do xornal "Betanzos e a súa comarca" un artigo de opinión resumindo o programa do BNG para as eleccións europeas. Polo seu interese resumímolo a seguir de xeito íntegro.
#IdeasParaNosDefender
Hai que ter moi pouca vergoña para, como Rajoy e Feijóo, falar de recuperación económica logo das últimas cifras de paro e de ver que Galiza se desangra porque os mozos e mozas emigran a miles. 100 000 mozos e mozas marcharon do noso país nos últimos anos porque en Galiza non teñen máis saída que a desesperación de estar no paro ou, no mellor dos casos, nun traballo precario, mal remunerado e sen futuro.
297 000 persoas están no paro en Galiza, hai 100 000 fogares onde todas as persoas están sen traballo e 657 000 galegas e galegos están na pobreza. Na nosa comarca, son xa 3786 as persoas sen emprego e só en Betanzos 1215. Estas cifras arrepiantes son consecuencia das políticas do Partido Popular marcadas pola troika.
As políticas de recortes do PP están matando o futuro deste pais. Temos que rebelarnos contra esta Unión Europea antisocial e antidemocrática que nos pisa e nos machaca porque con estas políticas Galiza está morrendo pouco a pouco.O PP está aplicando sen conciencia as políticas de recorte da Troika, dos lobbies da banca e da dereita europea. O 25 de maio temos a oportunidade de demostrar que non nos conformamos.
Temos que rebelarnos contra esta Unión Europea antisocial e antidemocrática que nos pisa e nos machaca
Por isto defendemos que muden os obxectivos dos fondos europeos, para rescatar xente en vez de rescatar bancos. O Bloque quere que, no marco comunitario para 2014-2020, o Fondo Social Europeo estableza como primeira prioridade a loita contra a pobreza e a exclusión social.
No BNG queremos que se cree unha Renda Social Europea mínima en todos os Estados membros para impedir o actual proceso de empobrecemento de amplas capas da poboación. Ademais, queremos que se aplique o IVE superreducido á luz, o gas e a auga, servizos básicos que agora están gravados co 21% do IVE. Propoñemos crear un parque de vivendas públicas en aluguer a partir dos pisos propiedade dos bancos rescatados con fondos europeos, para facilitar o acceso a unha vivenda as persoas que teñan máis dificultades. Igualmente, o BNG queremos reforzar o sistema de pensións, suprimindo os incentivos aos plans e seguros privados.
Pensamos tamén que se debe auditar a débeda para cuantificar a débeda ilexítima que non temos porque asumir todos e todas. Hai que cuantificar a débeda ilexítima, é dicir, a débeda externa dun goberno contraída contra os intereses do pobo, non ten por que ser pagada e polo tanto non é exixíbel a súa devolución xa que os prestamistas terían actuado de mala fe, a sabendas, e polo tanto os devanditos contratos son nulos legalmente.
Débese auditar a débeda para cuantificar a débeda ilexítima que non temos porque asumir todos e todas. Non nos resignamos a que nos impoñan máis recortes!
Non nos resignamos ante as políticas de recortes. O BNG representa á Galiza insubmisa, a xente que non se resigna, defende a economía produtiva, os dereitos sociais, a clase traballadora e a todos aqueles que están sendo agredidos polas políticas da dereita europea e española. Representamos a rebeldía de quen non se resigna a ser vítima das políticas que dicta a banca e executa a dereita.