Galiza Nova propón que graffiteiros locais poñan en valor os escudos do Reino de Galiza
Conseguiríase deste xeito un aforro importante con respecto á proposta do goberno do PSOE. Contribuiría a involucrar á xente nova na recuperación e conservación do patrimonio.
Betanzos, 28 de abril de 2012. Galiza Nova, a organización xuvenil do BNG, propuxo que graffiteiros locais poñan en valor os escudos do Reino de Galiza da praza de Afonso IX. O Pleno ven de acordar, a iniciativa do BNG, recuperar os emblemas das sete provincias do Reino e o goberno local asegurou estar estudando substituír os murais por pranchas de aceiro con vinilo.
A mocidade nacionalista considera que o custo da actuación será así moito menor e ofrece posibilidades para amosar o potencial artístico dos graffitis e ao mesmo tempo contribúe a desvinculala das pintadas vandálicas. O aforro sería bastante importante, unha motivación que compre valorar, sobre todo nos tempos que corren.
Galiza Nova propón que os escudos sexan repintados por artistas locais, de forma que os escudos das provincias do Reino de Galiza sirvan tamén para amosar a creatividade da xente nova por medio de expresións artísticas contemporáneas como o graffiti. Deste xeito, ademais, involucraríase á cidadanía, e en especial á mocidade, no coidado e posta en valor do patrimonio.
Galiza Nova insta ao goberno do PSOE a estudar o resultado que tiveron iniciativas similares á proposta para os murais da Feira Nova, como a decoración con graffiti dos piares do viaduto sobre a praza de Catro Camiños e a rúa Alexandre Bóveda na Coruña ou en diferentes lugares, coma no campo da feira, en Ordes ou o propio paseo da Tolerancia de Betanzos.