Demandamos á Xunta que cubrir as vacantes do profesorado de secundaria en Betanzos
“Co curso iniciado, a Xunta deixa sen cubrir 4 prazas de profesorado en Betanzos”. O BNG presentou unha batería de iniciativas no Parlamento para que a Xunta garanta ensino público de calidade na comarca
“Co curso iniciado, a Xunta deixa sen cubrir 4 prazas de profesorado en Betanzos”. O BNG presentou unha batería de iniciativas no Parlamento para que a Xunta garanta ensino público de calidade na comarca
Betanzos, 19 de setembro de 2017. O BNG levará ao pleno do próximo martes 26 unha moción para que o Concello de Betanzos inste á Xunta a cubrir todas as prazas vacantes dos institutos Francisco Aguiar e As Mariñas, a fin de garantir a calidade do ensino público na cidade e a súa comarca.
Desde o BNG critican o que consideran “escurantismo e opacidade” coa que a Xunta estaría a realizar peches e recortes nos centros. Para as nacionalistas, a Consellaría “busca evitar a mobilización social, actuando con premeditación para evitar que toda esta información trascenda até que o curso estivese iniciado”, denuncia Henrique del Río, voceiro do BNG.
Os recortes pálpanse especialmente en Betanzos, con dous institutos públicos da localidade e onde a Xunta deixa sen cubrir cadansúas dúas prazas vacantes. No IES As Mariñas, cunha matrícula que ten medrado considerablemente e que aínda está aberta, superan xa as 700 matrículas e contan só con 71 docentes. As prazas en cuestión teñen un horario lectivo completo, o que fai que este retallamento afecte á totalidade do alumnado do centro, sexa da ESA, da ESO ou de ciclos formativos. Co curso iniciado e a matrícula aberta, o alumnado afectado está actualmente sen profesores nas materias afectadas, o que repercute na calidade do ensino que recibe o alumnado.
Outro tanto acontece no IES Francisco Aguiar, onde o goberno galego mantén outras dúas prazas vacantes sen cubrir, incidindo do mesmo xeito na calidade da docencia que recibe o alumnado da nosa cidade e da comarca. Por todo isto, o grupo nacionalista chama ao consenso ao resto de partidos políticos da Corporación.
Batería de iniciativas no Parlamento demandando a cobertura de prazas
O BNG anunciou, ademais, que xa trasladou esta cuestión ao Parlamento, a fin de forzar unha rectificación da Xunta. “Demandamos que se garanta un ensino público de calidade para a mocidade de Betanzos e As Mariñas”, conclúe o voceiro nacionalista.