O Consello Local analiza a suba de prezos na escola infantil municipal
"O goberno local do PSOE criticou a suba de taxas nas escolas infantís da Xunta no Pleno de xaneiro, cando se debatía unha moción do BNG sobre este asunto, e sen embargo onte propuña aplicar as mesmas subas que aprobou o goberno galego do PP."
Betanzos, 6 de xullo de 2012. O xornal "Betanzos e a súa comarca" que edita a Asociación de Comerciantes e Empresarios de Betanzos (ACEBE) recolle nas súas páxinas un artigo do Consello Local sobre a suba dos prezos da escola infantil de San Francisco que impulsa o goberno local do PSOE. Polo seu interese a seguir reproducímolo integramente.
O BNG oponse a subir o prezo da escola infantil de San Francisco
O BNG opúxose no Pleno á suba das matrículas na escola infantil municipal de San Francisco, que propuxo o goberno local do PSOE para aplicar o vindeiro curso escolar. O goberno local do PSOE propón subir de 110 a 160 euros a asistencia ás aulas, o comedor pasa de 20 a 70 euros, o uso esporádico do servizo de comedor duplica o seu custo e o custo da hora adicional de docencia pasa de 13,75 a 20 euros. Son unhas subas considerábeis, que dificultan moito a conciliación da vida laboral e familiar.
Aínda cos descontos previstos, a asistencia á escola infantil municipal custaralle o mesmo a unha familia que ingrese 1064 euros ao mes- o dobre do IPREM- que a unha que ingrese máis de 3000 euros.
O goberno local do PSOE criticou a suba de taxas nas escolas infantís da Xunta no Pleno de xaneiro, cando se debatía unha moción do BNG sobre este asunto, e sen embargo onte propuña aplicar as mesmas subas que aprobou o goberno galego do PP. A súa hipocrisía é tal que en xaneiro dixeron unha cousa e agora, en xuño, din a contraria sobre exactamente a mesma suba do prezo da escola infantil. Menos mal que a ninguén lle resulta xa críbel que o PSOE vai facer unha política distinta á do PP vendo exemplos como este.
Este comportamento non é nada novo, xa que PSOE e PP din unha cousa ou a contraria dependendo de quen estea no goberno ou na oposición en cada momento. Exemplos sobran sen saír de Betanzos na contratación do persoal municipal: o PP na Xunta pregoa austerizar na contratación de empregados públicos, mentres que agora no Concello de Betanzos demandan que se cubran as baixas do persoal. O mesmo PP que alí onde goberna abusa dos contratos negociados- aqueles nos que se convida a un número de empresas a facer unha oferta sen concurso público á que todas poidan concorrer- critica no Concello de Betanzos que o PSOE faga o mesmo.
Todo isto son exemplos claros de que tanto PSOE como PP carecen de coherencia no seu discurso, comparten un mesmo xeito de facer política e non teñen ningunha alternativa que ofrecer aos veciños e veciñas.