O BNG solicitou que se estenda o bus gratuíto aos campus e aos polígonos industriais
Amelia Sánchez: “o transporte en autobús ás zonas estudantís e industriais paliaría unha crecente demanda, axudaría na mobilidade e contribuiría ao desenvolvemento sustentábel”
Betanzos, 12 de xullo de 2021.- Logo de coñecer que un ano máis se ofertaría o servizo de autobús gratuíto á praia de Miño desde o concello, o Bloque Nacionalista Galego solicitou que se fixese extensivo este servizo a outras zonas como os campus universitarios ou os polígonos industriais da contorna.
Desde o BNG lembraron que xa tiñan solicitando que se ofertasen estes servizos en sesións plenarias anteriores e que a resposta sempre fora que se intentaría chegar a acordos coas compañías de transporte. Segundo a voceira nacionalista, Amelia Sánchez, estes servizos paliarían a crecente demanda de transporte público a estes puntos e axudarían á mobilidade por motivos laborais e estudantís.
Na mesma liña, as nacionalistas interesáronse polo punto en que se atopan as negociacións con esas compañías para estabelecer estes servizos e os prazos que se barallan para que o estudantado e os traballadores e traballadoras de Betanzos desfruten de servizos similares aos da praia de Miño.