O BNG trasladou ao Pleno o malestar da veciñanza de Talai polo fume e ruídos no antigo aserradoiro
"Instalaron a carón das casas unha nave completamente nova cunha cheminea de 12 metros e unha caldeira que provoca moitas molestias á veciñanza
A nova instalación emite cantidade de fume e cheiros e un grande ruído que impide a vida dos veciños e veciñas, xa que a vivenda máis cercana está a escasos 10 metros
Betanzos, 8 de novembro de 2014. O BNG trasladou ao Pleno o malestar das veciñas e veciños de Talai ante as molestias ocasionadas polas emisións dunha nave ubicada no recinto dun antigo serradoiro. Segundo explicou o voceiro nacionalista, Henrique del Río, a nave, segundo o proxecto, está dedicada á produción de labra de madeira onde anteriormente estaba o serradoiro.
Cónstanos, polo que vimos no expediente, diferentes queixas dos veciños e veciñas e visitas da Policía Local engadiu. Polo que sabemos a licenza de obra concedida era para reformar e ampliar unha nave existente para produción de labra para cama de animais pero a realidade é que se construíu unha nave completamente nova cunha cheminea de 12 metros e unha caldeira que provoca moitas molestias á veciñanza pola cantidade, cheiro e cor do fume que invade as vivendas e polos ruídos que se producen no seu funcionamento explican desde o BNG.
Os nacionalistas reclamaron ao goberno local que aclare que actuacións pensa adoptar dado que a licenza era para ampliación e reforma de nave existente e a realidade semella ser outra diferente. Demandan, ademais, que o goberno local do PSOE explique por que na acta da xunta de goberno local do 10 de xullo recóllese o acordo para a modificación da licenza de obra e actividade, sen dicirse a que outra actividade se modifica e que explique que actividade se autoriza desenvolver. Cales foron os motivos de modificar estas licenzas logo de estar concedidas? preguntaron.
Desde o BNG reclamaron ao goberno local medidas e prazos concretos para garantir o descanso, a saúde e a calidade de vida da veciñanza da contorna.