O BNG súmase ao peche dos bombeiros no parque de Betanzos
Os nacionalistas presentarán mocións en todos os concellos da comarca para que os Concellos defendan unhas condicións axeitadas no servizo de extinción de incendios nas vías e núcleos de poboación.
Betanzos, 18 de xullo de 2013. O BNG acompañou aos bombeiros de Betanzos no peche que mantiveron hoxe nas instalacións do parque comarcal. Este peche forma parte das medidas de presión que os bombeiros teñen programadas para obrigar á empresa concesionaria a desistir da súa intención de degradar aínda máis o servizo.
Os edís do BNG, Henrique del Río e María Otero, acompañados de outros membros do BNG da comarca, puideron coñecer de primeira man a situación que atravesa o parque comarcal de bombeiros e como repercuten as decisións da concesionaria na seguridade da veciñanza. É preocupante coñecer que mentres se recomenda que nunha saída vaian cinco bombeiros, aquí só vaian tres e que as máis das veces a empresa obrigue a que un deles quede custodiando o parque en lugar de dedicarse ao lume, explicaron.
Isto non é só unha cuestión de como a concesionaria organiza o servizo, isto afecta de cheo ás condicións dun servizo público fundamental, indicou o voceiro do BNG, Henrique del Río. Non é de recibo que o consorcio provincial de bombeiros, os concellos e a deputación miren para outro lado mentres todo isto acontece, aproveitándose de que a xente descoñece todo isto, engadiu.
A empresa busca gañar a maior cantidade de cartos como sexa, o que non podemos consentir é que o faga co silenzo cómplice da Deputación e a Xunta, que calan mentres empeoran as condicións laborais dos bombeiros e a calidade do servizo que emprestan, asegurou.
A xente ten que coñecer as condicións de precariedade nas que se está prestando o servizo actualmente por parte da empresa concesionaria, indicou o voceiro do BNG. Por este motivo, os nacionalistas presentarán unha moción no vindeiro Pleno ao igual que nos demais concellos da comarca, para que os Concellos defendan unhas condicións axeitadas no servizo de extinción de incendios nas vías e núcleos de poboación.
O BNG reclamará no Parlamento que a Xunta acabe coa xestión privada dos parques
O pasado mércores, o voceiro parlamentario do BNG, Francisco Jorquera, comprometeuse a solicitar a modificación da Lei de emerxencias de Galiza en canto se reanude o período ordinario de sesións do Parlamento. Segundo explicou Francisco Jorquera ao comité de empresa dos bombeiros, o BNG defende acabar coa xestión privada dos parques comarcais de bombeiros e avanzar cara a creación dun corpo de bombeiros urbanos de Galiza.
Grande parte do problema radica no modelo de xestión privada, xa que a empresa busca maximizar os beneficios a costa de empeorar, asegurou o voceiro parlamentar do BNG. A administración ten unha responsabilidade da que non pode desentenderse reducíndoa a un simple conflito laboral nunha empresa, concluíu.
Novas relacionadas: O BNG exixe a comparecencia de Rueda diante do conflito dos bombeiros