O BNG exixe melloras nas medidas de conciliación laboral e familiar que oferta o concello

Amelia Sánchez é a portavoz do BNG
Amelia Sánchez é a portavoz do BNG

“Desde o Concello de Betanzos ofertáronse uns campamentos de verán que suscitaron numerosas críticas tanto polo prazo de resolución da convocatoria, só cinco días antes de comezaren”

O BNG exixe melloras nas medidas de conciliación laboral e familiar que oferta o concello

Betanzos, 9 de xullo de 2021.- O BNG de Betanzos trasladou ao pleno as reiteradas queixas das familias betanceiras polas eivas nas medidas de conciliación da vida familiar e laboral que oferta.

Segundo a súa voceira, Amelia Sánchez, “desde o Concello de Betanzos ofertáronse uns campamentos de verán que suscitaron numerosas críticas tanto polo prazo de resolución da convocatoria, só cinco días antes de comezaren (cando as familias xa teñen que ter máis que resolta a cuestión do coidado dos seus fillos); como polo seu horario, que non é compatíbel co horario laboral dos pais e nais dos pequenos e que os obriga a buscar outras alternativas”. No BNG lembran que estes campamentos carecen de servizo de mañanceiros e comedor, “un servizo que garante unha alimentación saúdabel de moitos nenos e nenas de familias con escasos recursos durante o curso académico”, en palabras de Sánchez.

As solicitudes dos servizos de comedor e de mañanceiros para o curso 2021-22 tamén teñen sido obxecto de críticas por parte das familias. Neste caso, pola súa tramitación. Segundo Sánchez “Obrigouse aos pais e nais dos nenos e nenas usuarios deste servizo a facer un trámite en liña sen ofrecer outra opción. Moitas familias carecen dos certificados dixitais e o acurtamento do prazo de solicitude impídelles levar a cabo este trámite”.

No BNG tamén lembran que se seguen sen convocar as bolsas de material escolar para o curso 2020-21, unhas bolsas que o goberno anunciou para o mes de xuño e das que aínda non se teñen noticias. “Esta non convocatoria significa que neste curso, o curso da pandemia, o de máis dificultades económicas que lembramos, as familias careceron de axudas por parte desta institución”, apuntou Sánchez.

O BNG exixe melloras nas medidas de conciliación laboral e familiar que oferta o concello