O BNG reclama ao goberno local información sobre a clausura do edificio sindical de Betanzos
É un tanto hipócrita que o PSOE faga unha defensa no Pleno da necesidade de manter a casa sindical e logo darlle excusa ao PP para precintala e deixar aos traballadores sen este servizo.
Betanzos, 27 de setembro de 2013. O BNG reclamou no Pleno ao goberno local do PSOE información sobre o escrito que o Concello enviou ao ministerio de traballo e que, segundo as centrais sindicais, provocou a clausura do edificio sindical de Betanzos. O Ministerio tapiou o edificio sen notificalo previamente aos sindicatos e deixando, polo tanto, diversa documentación dentro e sen posibilidade de acceso, denunciou a edila nacionalista María Otero.
Os nacionalistas recordan que o pasado 26 de febreiro, o Pleno acordaba a iniciativa do BNG reclamar ao Ministerio de Traballo a reparación do edificio sindical, que presentaba deficiencias graves na cuberta, carpintarías e iluminación, entre outras. Polo que desde o BNG puidemos saber, o goberno local mandou un informe ao Ministerio en virtude do cal o edificio foi tapiado, advirten os nacionalistas.
Dese informe e xestións o goberno local do PSOE non deu traslado ao Pleno denuncian desde o BNG. Os nacionalistas reprochan ao equipo de goberno que non impulsara unha xuntanza co Ministerio e as centrais sindicais usufructuarias para buscar unha solución ante a situación de deterioro do edificio.
Que intereses está a defender o goberno do PSOE ao deixar a Betanzos e comarca sen un servizo como o que emprestan os sindicatos e obrigando a quen precise da súa orientación, axuda ou formación a acudir á Coruña?, pregúntanse no BNG. É un tanto hipócrita que o PSOE faga unha defensa no Pleno da necesidade de manter a casa sindical e logo darlle excusa ao PP para precintala e deixar aos traballadores sen este servizo, reprocha o voceiro do BNG, Henrique del Río.
Os nacionalistas aseguran que resulta inadmisíbel ter edificios que foron construídos con cartos públicos no estado lamentábel e de progresiva ruína que presenta a casa sindical. En lugar de reclamar que se repararan as pequenas deficiencias que o edificio presentaba, o PSOE dálle excusa ao PP para que clausure o edificio sindical, denuncian.
Ademais, desde o BNG cuestionáronse porque o goberno local afirma que está facendo xestións para conseguir a cesión de parte deste local como local social dunha asociación e ao mesmo tempo provoca a clausura do edificio.
Os nacionalistas reclaman ao goberno local do PSOE que demande do Ministerio de Traballo unha solución a esta situación xa que os sindicatos non teñen agora un lugar onde atender as súas consultas e dar cursos en Betanzos e, ademais, temos un edificio público tapiado que dentro de nada se converterá nunha ruína.