O BNG reclamará no Pleno unha comisión para impedir os desafiuzamentos
No caso de falta de colaboración de entidades bancarias co Concello, o BNG esixe prescindir dos servizos que estas lle prestan á Administración local.
Betanzos, 26 de novembro de 2012. O BNG presentou unha moción para crear unha comisión especial para atender os casos de desafiuzamentos que se poidan dar no municipio. A comisión, segundo explicou o voceiro do BNG, Henrique del Río, estaría composta por responsábeis dos Servizos Sociais municipais, portavoces municipais e plataformas contra os desafiuzamentos e tería como un dos seus cometidos o estudo das posibilidades para establecer axudas ao aluguer, axudas para evitar o corte de subministros básicos como auga, gas ou luz e axudas á alimentación.
Os nacionalistas piden na súa iniciativa que as entidades financeiras paralicen os desafiuzamentos que estean en marcha e a súa colaboración coa comisión municipal. E, no caso de falta de colaboración de entidades bancarias co Concello, o BNG esixe prescindir dos servizos que estas lle prestan á Administración local.
A moción do BNG tamén reclama, en sintonía con distintas iniciativas presentadas polos nacionalistas no Congreso dos Deputados e no Parlamento de Galiza, unha reforma da lei hipotecaria que teña carácter retroactivo e que contemple a dación en pagamento. O BNG tamén propón o estabelecemento dun réxime especial no caso da execución de empréstitos cando se refire á vivenda habitual ou aos negocios comerciais; moratorias; converter a hipoteca nun aluguer; a modificación do réxime de taxación ou o proceso concursal para permitir a paralización de certas execucións.
Del Río lembrou que tanto PP como PSOE se opuxeron ás alternativas do BNG no Congreso dos Deputados. Nesta liña, o nacionalista critica que o Goberno central siga a inxectar cartos públicos á banca, que é intransixente nas execucións.
Ademais, os nacionalistas esixen que se habilite un Fondo Económico Especial para atender os casos máis dramáticos, que se cree unha Oficina de Asesoramento para Familias ameazadas por desafiuzamentos e a creación dunha bolsa de vivenda social.
Apoio ás mobilizacións do sector lácteo
O BNG presentou outra moción en apoio ás reclamacións das organizacións agrarias, que para mañá convocan unha folga de recollidas do leite. Betanzos é a cabeza dunha comarca agraria onde o leite aínda é unha actividade económica importante e non pode permanecer allea a este problema, indicou o voceiro do BNG.