O BNG reclama un programa de aluguer social para mocidade nas casas da xunta no Casco Histórico
Desde o BNG insistiron en Betanzos na necesidade de garantir o acceso á mocidade a unha vivenda e o seu dereito á emancipación e apostaron por duplicar o investimento e en incorporar ao sistema galego de I+D+I á xente nova
Desde o BNG insistiron en Betanzos na necesidade de garantir o acceso á mocidade a unha vivenda e o seu dereito á emancipación e apostaron por duplicar o investimento e en incorporar ao sistema galego de I+D+I á xente nova
Betanzos, 12 de setembro de 2016. A caravana da mocidade de Galiza Nova estivo onte en Betanzos presentando as principais medidas do BNG para as vindeiras eleccións do 25 de setembro. "O futuro pasa pola mocidade e que non podemos permitirnos perder a ninguén. Hai que poñer a producir a esta terra e a xente nova é o principal motor. Por iso para nós é fundamental contar con ela, témola presente e temos un programa específico de medidas que permitan desenvolver unha Galiza moderna desde nós mesmas".
Desde o BNG apostan por duplicar o investimento en I+D+I e por incorporar ao sistema galego de I+D+I á xente nova “que ten talento, que está preparada e pode achegar o seu saber a este mundo da innovación e da modernización do País”.
A formación nacionalista tamén inclúe no seu programa o denominado Plan Retorna para favorecer a volta a Galiza e a posta ao servizo do País da xente nova con talento e tamén da que emigrou por razóns de necesidade económica.
Propostas para garantir o acceso á vivenda
Desde o BNG insistiron en Betanzos na necesidade de garantir o acceso á mocidade a unha vivenda e o seu dereito á emancipación. “En Betanzos a Xunta mercou casas no Casco Vello e leva 5 anos deixándoas caer mentres a mocidade non ten oportunidade de acceder a unha vivenda. Pensamos que a rehabilitación do Casco Vello debera ir unida a un programa da alugueres sociais para garantir o acceso de todas á vivenda, con incentivos dirixidos á mocidade”, explicou o portavoz do BNG en Betanzos, Henrique del Río.
"Temos que garantir que a xente moza poida optar a quedar na nosa comarca e que volvan as miles de persoas de menos de 35 anos que marcharon nos anos de goberno de Feijoo e ademais das oportunidades laborais o acceso á vivenda é básico para fixar poboación nunha comarca que perde poboación todos os anos”, concluíu o portavoz nacionalista.