O BNG pide máis taboleiros para a publicidade das asociacións
Del Río: Se van multar, antes que poñan os medios para evitar que as entidades teñan que pegar noutros lados.
Betanzos, 16 de outubro de 2013. Diante do anuncio do goberno do PSOE de que aplicará a ordenanza de limpeza, aprobada neste mandato por PP e CxB coa complicidade do PSOE, contra quen alimente animais na rúa o BNG reclamou ao executivo local que coloque máis taboleiros para que as asociacións e entidades poidan colocar a cartelaría dos seus actos.
Cando o PP comezou coa redacción da norma, os nacionalistas xa advertiron de que o texto pretende limitar a liberdade de expresión coa excusa da limpeza viaria. Esta norma establece que quen sexa sorprendido rebuscando entre o lixo será sancionado con 100 euros. Tamén vai aplicar o PSOE para isto a ordenanza de limpeza?, pregúntanse desde o BNG. Supoñemos que non terán o descaro de anunciar que aplican a norma contra quen alimente na rúa os gatos e a ignoren noutros casos, xa que iso sería unha prevaricación, advirten. De feito, o BNG insiste en derrogar esta ordenanza de limpeza e redactar unha nova que se ciña á limpeza viaria.
Desde o BNG temen que o PSOE caia na tentación de aplicar tamén a ordenanza para recadar a costa das asociacións e entidades que teñen que botar man das cabinas de teléfonos a falta de taboleiros para anunciar os seus actos. Se van multar, antes que poñan os medios para evitar que as entidades teñan que pegar noutros lados, indica o voceiro do BNG, Henrique del Río.
O BNG reclama ao goberno local do PSOE que coloque máis taboleiros para fixar cartelaría das actividades das asociacións e colectivos. Hai moi poucos e están todos colocados na periferia, explican os nacionalistas, e na maior parte están ocupados só por publicidade comercial.
Os nacionalistas aseguran que coa colocación do taboleiro electrónico no Campo retiráronse os taboleiros que había no centro, onde diversas entidades colocaban os seus carteis anunciadores. A dicir do BNG, o taboleiro electrónico non substitúe a estes outros taboleiros, porque estaban en varios barrios da cidade.
O Pleno aprobou unha moción do BNG que reclamaba este tipo de soportes sen que ningún goberno, nin o do PP nin o do PSOE, cumprise o acordo, recordan desde o BNG, que aseguran que varias entidades téñennos trasladado o seu malestar por esta situación.
Ademais de estar a incumprir un acordo que respaldou cando estaba na oposición, o PSOE está dificultando a promoción dos actos que organizan as asociacións da cidade, aseguran os nacionalistas. Desde o BNG entenden que a actual situación está deliberadamente provocada polo PSOE porque así busca imposibilitar que manifestacións, convocatorias e cartelaría crítica coa súa xestión poida ser fixada na cidade.