O BNG reclama no Pleno taboleiros para que as asociacións publiciten os seus actos
O PSOE está a incumprir un acordo que respaldou cando estaba na oposición. A falta de soportes e a posibilidade de sancionar por colocar a cartelaría dificulta a promoción dos actos que organizan as asociacións da cidade.
Betanzos, 13 de abril de 2012. Coa entrada en vigor da ordenanza de limpeza aprobada por PP e CxB, o Concello multará ás entidades que fixen cartelaría anunciadora dos seus actos fóra dos lugares específicos para isto.
Coa colocación do taboleiro electrónico retiráronse os taboleiros onde diversas entidades colocaban os seus carteis anunciadores, se ben en opinión do BNG, o taboleiro electrónico non substitúe a estes taboleiros, ubicados en varios barrios da cidade.
O Pleno aprobou unha moción do BNG que reclamaba este tipo de soportes sen que ningún goberno, nin o do PP nin o do PSOE, cumprise o acordo, recordan desde o BNG, que aseguran que varias entidades téñennos trasladado o seu malestar por esta situación, sobre todo agora que se aprobou a ordenanza de limpeza que sanciona fixar carteis.
Por este motivo, o BNG reclamou ao goberno local do PSOE prazos concretos para colocar estes taboleiros reservados ás actividades das entidades betanceiras nos distintos barrios e parroquias. En opinión do voceiro nacionalista, Henrique del Río, na actual situación o PSOE está a incumprir un acordo que respaldou cando estaba na oposición e ademais a falta de soportes e a posibilidade de sancionar por colocar a cartelaría dificulta a promoción dos actos que organizan as asociacións da cidade.