O BNG reclama no Parlamento a mellora do peche perimetral da escola infantil do Carregal
Ante as demandas das familias, responden responsábeis da concesionaria que o muro non se vai modificar porque está integrado no entorno do parque do Pasatempo.
Betanzos, 6 de abril de 2012. O BNG levou ate o Parlamento de Galiza as queixas dos pais e nais do alumnado da escola infantil do Carregal diante da escasa altura do peche perimetral do patio do centro. Os deputados Carlos Aymerich e Manuel Parga e a deputada Ana Luísa Bouza advirten que pais e nais temen que as crianzas maiores poidan escapar e tamén que poida entrar alguén alleo ao centro.
Os parlamentares nacionalistas indican na súa iniciativa que ante as demandas das familias sobre a escasa altura do muro, os responsábeis do centro responden que o muro non se vai modificar porque está integrado no entorno do parque do Pasatempo.
No BNG entendemos que a Administración responsable, o Goberno galego, debe procurar que esta necesaria integración no entorno se faga con todas as garantías para a seguridade das crianzas que son atendidas na escola infantil, aseguran Bouza, Aymerich e Parga na súa iniciativa. Por este motivo, o BNG exixiu á Xunta prazos concretos para modificar a altura do peche da escola infantil do Carregal de xeito que sexa seguro para os usuarios.
Os nacionalistas exixen, ademais, ao goberno galego do PP que explique os motivos polos que se fixo un peche tan baixo para a escola infantil e se a Xunta considera que coa escola tal como está actualmente se garante a seguridade dos meniños. Coñece o Goberno galego as protestas das familias usuarias relativas a esta cuestión?, interpelan.