O BNG reclama un millón de euros para as obras do novo colexio en 2013

O BNG reclama un millón de euros para as obras do novo colexio en 2013

O BNG exixiu tamén investimentos no casco histórico e que as vivendas do IGVS se dediquen a aluguer social.

Betanzos, 1 de febreiro de 2013. O BNG presentou unha emenda aos orzamentos da Xunta exixindo que o goberno do PP destine un millón de euros para a construción do novo colexio de educación infantil de Betanzos. “O PP incluíu unha partida ridícula de 100 000 euros para facer unha obra que custa 3,5 millóns”, indicou o voceiro nacionalista, Henrique del Río. Os deputados e deputadas do BNG no Parlamento de Galiza piden que neste 2013 se invista un millón de euros nas obras do novo colexio para que estea operativo o ano que ven.

Os nacionalistas reclamaron tamén fondos para as rehabilitacións das 11 vivendas que a Xunta adquirira no Casco Vello mais as que foron doadas por particulares e que son propiedade do Instituto Galego de Vivenda e Solo. “É indignante que o PP contemple só 100 000 euros para rehabilitar as 11 vivendas que a Xunta comprou e mais as que foron aceptadas como doazón no Casco Histórico”, explicou o voceiro nacionalista, “esta cantidade só dá para consolidar as ruínas, non para rehabilitar todas as casas como é evidente”.

http://youtu.be/FgUstRVaORk

“Exiximos que a Xunta comece a rehabilitación destas vivendas, que prometeu hai mais de dous anos, e que se adiquen a alugueres sociais”, engadiu Del Río. “Isto podería ser unha solución para os problemas de vivenda e para as persoas que están sufrindo desafiuzamentos na nosa comarca e ao mesmo tempo dar vida ao Casco Histórico de Betanzos”, engaden os nacionalistas. En total, o BNG pediu 4 millóns de euros para a rehabilitación de vivendas por parte do IGVS e outros 5 para evitar os desafiuzamentos.

Ademais, os nacionalistas reclaman medio millón de euros para sanear e recuperar o marisqueo na ría de Betanzos. Xunto a eles, cen mil euros para poñer en valor o Mandeo e 75 000 para o selado do encoro da Castellana, en Aranga. “Con estas actuacións estaríase en disposición de crear empregos relacionados co turismo ambiental e coas actividades pesqueiras na ría”, explica o portavoz municipal dos nacionalistas, Henrique del Río, “ademais, por suposto, de todos os beneficios a nivel do medio natural e sustentabilidade que suporía”.

O BNG reclama un millón de euros para as obras do novo colexio en 2013