O BNG reclama ao goberno local que repoña o colector de aceite usado no porto
"Achégase o tempo en que moitos dos nosos veciños gozan o seu tempo de lecer no río e non se melloraron os peiraos, senón todo o contrario
Betanzos, 8 de marzo de 2012. O BNG reclamou no pleno a reposición do colector de aceites usados que estaba ubicado no porto. Segundo explicaron os nacionalistas, o colector era un servizo importante para os propietarios das embarcacións amarradas tanto no propio porto como nos peiraos dos ríos. Segundo explicou no pleno o nacionalista Xosé Vales, coa chegada do verán aumenta o movemento nos peiraos betanceiros e, polo tanto, a necesidade deste tipo de colectores para evitar que os aceites usados rematen nos propios ríos ou depositados en calquera lugar indebido. Por este motivo, os nacionalistas urxiron ao goberno do PSOE a reubicar este tipo de colectores na fachada marítima da cidade.
En relación coa mellora dos equipamentos portuarios, o BNG recorda que o pasado mes de decembro presentou unha moción instando ao goberno local do PSOE a mellorar a conservación e mantemento dos paseos fluviais. Os nacionalistas trasladaban con esta iniciativa o malestar de moitos veciños polo deficiente estado de conservación do pavimento e os muros dos paseos, así como polas numerosas eivas que presentan as escadas e puntos de amarre dos distintos peiraos. Malia os numerosos plans propagandísticos do goberno do PSOE, o certo é que se achega o tempo en que moitos dos nosos veciños gozan o seu tempo de lecer no río e non se melloraron nada estas cuestións, senón todo o contrario indica o portavoz municipal do BNG, Henrique del Río.
Os nacionalistas xa suxeriron naquela altura que o goberno local se dirixira a Demarcación de Costas, Augas de Galiza e os restantes organismos competentes para acometer os distintos traballos de reparación e mantemento que o perímetro marítimo-fluvial de Betanzos precisa.